Site icon Crónica3.com A Mariña

Seis podios para o Club de Tiro con Arco Castelarco

SONY DSCFin de semana fructífera para o Club de Tiro con Arco Castelarco na que os seus arqueiros lograron subir ao podio seis veces.

O sábado celebrouse o XI Trofeo Federación Galega – Xunta de Galicia de Sala para as categorías ardilla, benxamín, alevín e infantil na localidade coruñesa de Ares. Os arqueiros das categorías inferiores desprazados, ademais de conseguir subir aos seus podios correspondentes conseguiron bater as súas mellores marcas persoais.

Benxamín feminino
Na categoría benxamín feminino conseguía o segundo posto cunha puntuación de 258 puntos, sobre 300 de máxima, Beatriz Melo Botelho, que fixo gala dunha boa técnica aínda que a traizoaron algo os nervios na primeira rolda logrando situarse segunda con 125 puntos. Iniciada a segunda rolda, despois do pertinente descanso, e xa un pouco máis calmada finalizaba esta con 133 puntos. Aínda que conseguiu subir a puntuación non foi suficiente para mellorar a posición, pero si para mantela.

Benxamín masculino
Na categoría benxamín masculino, Fernando Fernández Romero “Nano” obtiña unha meritoria quinta praza, xa que ao igual que a súa compañeira Beatriz realizaba unha puntuación de 258 sobre os 300 máximos superando a súa anterior marca de 249 puntos obtidos o pasado 2 de novembro no XI Trofeo Cidade de Narón.

O noso outro representante benxamín, Ángel Galante Briones, subía ó escalón máis alto do podio cunha impresionante puntuación de 274 puntos sobre 300 máximos superando a súa anterior marcan un punto –obtida tamén no pasado XI Trofeo Cidade de Narón-.

Infantil masculino
Na categoría infantil masculino, Francisco Melo Botelho, situábase sexto trala súa puntuación. Conseguiu 484 puntos sobre 600 de máxima, superando ó igual que os seus compañeiros, a súa anterior marca de 442 obtidos no XV Campionato Galego de Tiro con Arco en Sala celebrado o 1 de decembro do pasado ano tamén en Ares.

Por outro lado, Gabriel Galante Briones, coma o seu irmán, era proclamado campión do evento na categoría infantil cunha puntuación estremecedora: 587 puntos sobre 600 posibles, e a tan só 6 puntos de igualar o récord de España na categoría. Deste xeito, supera a súa anterior marca de 582 puntos que igual que Francisco conseguía no XV Campionato Galego de Tiro con Arco en Sala e moi por enriba da marca conseguida no Campionato de España para menores de 14 anos celebrado en Olite o pasado 23 e 24 de febreiro no que era proclamado subcampión de España con 576 puntos.
A punto de abandonar a categoría infantil, Gabriel deixa moi alta a puntuación a bater polos que o seguen. O vindeiro 14 de decembro na Pobra do Caramiñal, onde se celebrará o IX Trofeo de Nadal da Federación Galega de Tiro con Arco e 3ª Postal Nacional de Sala, será a súa última actuación en infantil.

Cadete masculino
Por outra banda, o 1 de decembro celebrouse nesta localidade o XVII Trofeo Federación Galega Xunta de Galicia en Sala para as categorías veterano, sénior, júnior e cadete. Tamén nesta ocasión os arqueiros do club lograron subir ó podio, na categoría cadete masculino, xa que Gabriel facíase co segundo posto cunha puntuación de 548 puntos sobre a máxima de 600 puntos. Desta vez, Gabriel enfrontábase á diana triple vertical – máis esixente- a 18 metros. Aínda así superou a súa marca nesta distancia e diana obtida o 16 de decembro do pasado ano no VIII Trofeo de Nadal 3º Postal de Sala para as categorías de veterano, sénior, júnior e cadete situada nos 520 puntos. O terceiro posto da categoría conseguíao Francisco Melo Botelho na súa primeira actuación como cadete, pese a ser aínda infantil, cunha marca de 337 puntos.

Sénior
Na categoría sénior feminina, Ana María Briones Montes, conseguía a terceira posición con 464 puntos. En sénior masculina Jorge Galante Pérez, finalizaba noveno con 488 puntos e José Manuel García Cordido “Campa”, 25º con 419 puntos.

Exit mobile version