O rexedor explicou que “hoxe pola mañá dous técnicos de Augas de Galicia estiveron aquí, en Burela, para continuar cos traballos previos á adopción dunha solución sobre o último treito do saneamento do noso concello; en definitiva, para buscar unha solución á problemática que temos xa dende hai uns anos coa actual EDAR. Nese sentido os técnicos de Augas de Galicia estiveron revisando todo o sistema de colectores, que están situados na zona portuaria, practicamente desde a actual EDAR ata a Cruz Vermella chegando incluso cara ao propio espigón do porto. E previsiblemente á volta do Nadal vanse colocar caudalímetros para ter máis datos aínda de cara a adoptar esa decisión definitiva sobre o último tramo do saneamento do noso concello”.
González Barcia contou que “estivemos tamén vendo distintas posibilidades de ocupación de espazo dentro da propia zona portuaria, pero todo isto coas debidas cautelas, tendo en conta que a solución definitiva á situación que agora mesmo temos non se vai adoptar ata dentro duns meses, en tanto en canto non se elaboren por parte dos técnicos da Xunta de Galicia os informes preceptivos de cara a adoptar unha decisión. En todo caso de todos é sabido que Portos de Galicia está tamén agora mesmo elaborando un plan de usos e polo tanto haberá que sentarse con eles para ver as posibilidades que podemos ter tanto para ocupar máis espazo, onde está agora a EDAR, como no caso de calquera outra solución que implique algún tipo de asentamento no espazo portuario”.
O alcalde de Burela engadiu que “de tódolos xeitos os pasos vanse dando de forma rigorosa, sen présa pero sen pausa, e en todo caso os pasos que hai que dar desde unhas administracións serias e responsables para adoptar a mellor decisión que se poida dentro da actual situación que estamos a vivir. O que si é certo é que Augas de Galicia é plenamente consciente da situación que temos agora mesmo na actual EDAR e de aí derivan precisamente estes traballos previos á adopción dunha solución ao respecto”.