Site icon Crónica3.com A Mariña

Veiga garantiza os mesmos servizos para calquera persoa con capacidades diferentes independentemente do seu lugar de residencia

veiga-capacidadesdiferentesA Mariña, 18 de decembro de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, reuniuse este mércores con representantes do colectivo de persoas con capacidades diferentes da Mariña. Durante a xuntanza, celebrada no Museo do Mar, en San Cibrao, analizáronse as necesidades e demandas deste colectivo de persoas e nese marco asinouse un convenio de colaboración coa Asociación de Pais e Nais de Nenas e Nenos con discapacidade da Mariña de Lugo (APNED), que permitirá sufragar os gastos do servizo ambulatorio que ofrece, a nivel comarcal, dito colectivo.

A Asociación de Pais e Nais de Nenas e Nenos con discapacidade da Mariña de Lugo traballa na defensa da inclusión tanto das crianzas como dos adultos e adultas con capacidades diferentes na escola e na sociedade na que viven a través do aproveitamento e mellora dos recursos e servizos necesarios para a súa formación e desenrolo, así como para mellorar a súa calidade de vida, autonomía e independencia en relación co resto das persoas, a axuda aos pais e nais das nenas e nenos destas características no coidado diario dos mesmos e a sensibilización social con respecto á inclusión daqueles nos distintos eidos da vida en sociedade.

Grazas ao proxecto de servizo ambulatorio co que colabora a Vicepresidencia da Deputación a través da súa área de Benestar Social, APNED poderá chegar a todos e cada un dos nenos e nenas con capacidades diferentes da comarca da Mariña, ofrecendo unha serie de actuacións e actividades que vaian no camiño da igualdade no acceso ao benestar e participación social.

Neste sentido, Antonio Veiga afirmou que “gobernar non é predicar senón dar trigo. E esa é a gran diferenza entre o que facemos nós e o que fai a Xunta de Galiza, porque nós facemos o que dicimos e dicimos o que facemos, fronte a un Goberno galego que ten absolutamente desatendido o colectivo de persoas con capacidades diferentes”

No transcurso da xuntanza, o vicepresidente da Deputación denunciou “as políticas da Xunta de Galiza van na dirección de introducir recortes precisamente nos colectivos de capacidades diferentes, que son aqueles que máis necesitan de apoio público ata o punto de que a día de hoxe eliminaron as axudas para a contratación do persoal humano que se dedicaba á atención destas persoas e, por conseguinte, o que están facendo da crise é un elemento para aumentar aínda máis as desigualdades”.

“Pero hai outra cuestión – continuou o vicepresidente – , e é que desde A Mariña e desde aquelas comarcas alonxadas das grandes cidades aínda nos preocupa tanto como é a tendencia a centralizar os servizos de atención aos colectivos con capacidades diferentes nas capitais de provincia. A aposta da Vicepresidencia da Deputación de Lugo é clara, queremos o mesmo trato para calquera persoa con independencia do lugar da súa residencia, non pode ser que nenas e nenos con capacidades diferentes da Mariña teñan unha atención máis deficiente que nenas e nenos dunha cidade”.

“A área de Benestar Social da Deputación de Lugo vai seguir comprometida coas persoas con capacidades diferentes independentemente do lugar onde residan, porque nós estamos para gobernar para quen menos ten, en definitiva, pensamos e demostramos que hai que apostar por aquelas persoas que máis precisan da axuda pública”, concluíu Veiga.

Exit mobile version