Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo propón a declaración de Espazo Natural de Interese Local a Fraga do Santo Estevo do Ermo e o Monte Penador en Barreiros

CAPELA PINTADAA Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo ven de presentar un proxecto de solicitude no Concello de Barreiros para a tramitación de declaración de ENIL (Espazo Natural de Interés Local) a Fraga do Santo Estevo do Ermo e o Monte Penabor, en Barreiros. O estudio presentado é o froito de meses de traballo de campo da Irmandade Santo Estevo en colaboración coa consultoría ambiental EREBIA, onde se recollen os valores naturais do espazo proposto e o grande interés en que sexa tratada con urxencia a súa tramitación para a catalogación como espazo protexido. A superficie a protexer proposta no proxecto afectaría a máis de 100 Ha. de fraga, monte, bosque aluvial, breixeiras e matogueiras, dende a desembocadura do Río do Santo Estevo, no Pozo Mouro ata o Monte Penabor, abarcando a súa máxima extensión na Fraga do Santo Estevo, protexendo deste xeito un ecosistema no límite da súa vulnerabilidade, así como unha serie de xacementos arqueolóxicos recentemente inventariados polo Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e outros que se atopan en trámite.

O documento, que consta de 30 folios recolle unha relación de Hábitats Protexidos, así como un número importante de especies de flora e fauna incluidos na Directiva de Hábitas da CEE e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, moitos deles nun estado de conservación vulnerable ou en perigo de extinción.

Dende a Irmandade Santo Estevo celebran o apoio do equipo de goberno do PP barreirense e dos partidos da oposición á moción presentada polo BNG con carácter urxente no pleno municipal celebrado o pasado luns, que trataba sobre a protección desta zona. Ao mesmo tempo, ofrécenlle a súa colaboración ao Concello de Barreiros para redactar o proxecto definitivo que finalmente deberá ser presentado á Xunta de Galicia. O Santo Estevo do Ermo e o Monte Penabor sería o primeiro espazo da provincia de Lugo protexido baixo a figura de ENIL.

Deste xeito, os membros da Irmandade Santo Estevo móstranse moi satisfeitos porque estase levando a cabo un dos principiais obxectivos que se recollen nos estatutos da asociación que é o “poñer en práctica tódolos medios de protección da flora e fauna autóctonas e para a conservación da natureza e do medio ambiente”, como recorda Ramón J. Becerra, voceiro da Irmandade.

Exit mobile version