Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG da Mariña inicia a explicación pública da ILP polo emprego e intensifica a recollida de sinaturas de apoio

cig-rolda-empregoA CIG vén de iniciar a segunda fase da campaña de presentación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para o crecemento económico e a creación de emprego, que consiste na explicación pública das medidas que contén a iniciativa e na recollida de sinaturas de apoio. Neste contexto, a central nacionalista está a desenvolver asembleas de delegados/as, actos informativos en centros educativos e centros sociais e mobilizacións, ao tempo que intensifica a recollida de sinaturas coa instalación de mesas na rúa.

Con motivo desta campaña a CIG editou tamén cartaces chamando a apoiar mediante a sinatura as medidas orientadas á creación de emprego, ademais de elaborar un tríptico informativo que recolle as principais propostas que contén a ILP e unha peza audiovisual que resume os seus principais aspectos. O obxectivo é lograr un mínimo de 15.000 sinaturas antes do vindeiro mes de abril.

Distintos actos públicos
No caso de A Mariña, os actos programados inicianse cunha asemblea de delegados/as que está fixada para o 5 de febrero. Estos serán os encargados de levar as súas empresas a información e o debate que se pretende xerar con esta campaña.

Ese mesmo dia as 19h., no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao (Cervo), terá lugar un acto público coa proxección do audiovisual da campaña, aberto para toda a cidadania.
Ao longo de todo ese mes haberá actos públicos nos distintos concellos da comarca, e se aproveitarán os días de feira para instalar mesas para recoller sinaturas. Está previsto levar estas mesas aos mercados de Trabada, Foz, Ribadeo, Mondoñedo, Burela, Xove, Barreiros, O Vicedo, Viveiro, Lourenzá, e S.Cibrao.

Medidas para o emprego
A CIG quere achegar á maior parte da cidadanía galega o contido da Iniciativa e demostrar que “si é posíbel facer outro tipo de políticas distintas que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego”. Neste senso, a ILP recolle un amplo abano de medidas (até 100 propostas) referidas á política industrial, fiscal, financeira, enerxética, medioambiental, laboral, etc.

Destaca, por exemplo, a proposta de reducir a xornada laboral no camiño da conquista das 35 horas semanais, como medida de reparto do traballo, e o fomento de políticas de rendas que garantan uns salarios dignos. A ILP tamén recolle un capítulo de medidas expresamente dirixidas ao colectivo de persoas sen emprego, coa solicitude de creación dunha renda de inserción laboral para todos os traballadores/as en situación de desemprego que non cobren outro tipo de prestación pública. Asimesmo tamén incide na necesidade de implementar unha profunda reforma fiscal para que paguen máis aqueles que máis teñen (as rendas máis altas, as grandes fortunas, a banca, as grandes empresas…) , para que as empresas con centros de traballo en Galiza paguen aquí os seus impostos e para rematar coa fraude fiscal.

A CIG na ILP fai fincapé, unha vez máis, na necesidade de crear unha Banca Pública Galega que facilite o crédito a familias e a pequenas e medianas empresas.

Son medidas, en definitiva, que a CIG ven reclamando e propoñendo dende hai tempo de forma máis específica e puntual e que agora aglutina neste documento globalmente como alternativa real, posible e necesaria ás políticas que non levaron á crise. Son propostas alternativas orientadas a unha saída favorábel para a clase traballadora galega e feitas dende unha perspectiva de defensa dos nosos intereses nacionais. Porque só dende alternativas feitas en función da nosa propia realidade social e económica, de reforzo do noso autogoberno e da capacidade de decidir libremente en todas as materias, poderemos ofrecer medidas que sirvan os intereses da clase traballadora e que garantan un reparto máis equitativo da riqueza.

Exit mobile version