Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Cultura confirma a legalidade da autorización para a obra da rúa San Roque de Ribadeo

Lugo, 31 de xaneiro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria confirma a absoluta legalidade da autorización por parte da Dirección Xeral de Patrimonio dunha obra de rehabilitación na rúa San Roque de Ribadeo –no número 17-, destinada a edificio de vivendas e local comercial.

A consellería explica que a decisión de respectar o material orixinal da cuberta, de tella, é congruente coa conservación do edificio, coas necesidades estruturais e cos informes técnicos municipais, que tamén eran favorables.

A cuberta conta con dous faldóns con pendente do 5% o que faría inviable a súa solución construtiva con lousa xa que acabaría entrando auga por ela. O Código Técnico da Edificación marca unha pendente mínima do 60% para cubertas en lousa sen impermeabilizante e, aínda que se impermeabilice, recoméndase unha pendente mínima do 40%. Polo tanto, para condicionar o acabamento en lousa desta cuberta, habería que modificar as pendentes da mesma, o que suporía unha alteración do volume da edificación, o cal non está permitido pola Lei 8/1995, do 30 de outubro, de Patrimonio Cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Patrimonio lembra que durante a tramitación o expediente veu acompañado de ata tres informes técnicos municipais favorables: ao proxecto básico, a un modificado introducido con posterioridade e ao proxecto de execución. En calquera caso, os servizos técnicos da Consellería non teñen competencias para supervisar a normativa urbanística do concello, limitándose a informar sobre a adecuación dos proxectos á normativa sobre patrimonio cultural para protexer o Conxunto Histórico.

Por último, a consellería lamenta os ataques realizados contra a Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo a raíz desta polémica sen fundamento. Explica que este órgano -asesor da dirección xeral e integrado por técnicos e expertos de diversos ámbitos da cultura- tramita todos os procedementos con total rigorosidade, e que o Servizo de Patrimonio de Lugo actúa con eficacia e dilixencia, dando pronta resposta a todas as solicitudes que recibe e presentando os expedientes sen demora na comisión territorial mensual.

Exit mobile version