Os europeistas dos primeiros 50 do século XX apostaban pola construción federal e partillaban do pacto da post-guerra, construído pólos democristiáns, social-liberais e socialdemocratas arredor do Estado de benestar, a cohesión social e a economia de mercado. Mais axiña a vella CEE xirou cara unha construción econômica limitada de pequenos pasos, o chamado avance funcionalista, que arquivou a idea federalista e a construción política, deseñando unha complexa e pouco democrática urdime institucional que compatibiliza un Parlamento elixido democraticamente, uns ominipresentes Estados que monopolizan as decisións dos Consellos Europeo e de Ministros e un Banco Central Europeo alleo a todo control democrático, ao que se lle veta financiar directamente aos Estados e se lle orienta ao control da inflacción, deixando inermes aos Estados e territórios do Sur da Europa diante da ausência de ferramentas fiscais e orzamentarias por parte da UE. Unha Unión, asemade, que só orzamenta para desenvolver as súas políticas pouco mais do 1% do PIB europeo,fronte ao 6-7% do gasto federal USA.
Porén, para contar a decepción europea de Galicia compre non só falar das graves chatas da construción europea, senón tamén dos prexuizos xerados por unha política española que desarmou a agricultura, pesca e construción naval do noso País e desnaturalizou a política de equilíbrio territorial europea, alicerzada nuns Fondos Estruturais de xestión obxectiva e rexionalizada, para substituíla, en grande parte,por uns Fondos de Cohesión,manexados dende Madrid e investidos nomeadamente en Madrid, Andalucía e o Centro peninsular.
Hai solucións? Habelas hailas,malia que moi complexas. E son mais rendíbeis e practicábeis as transformadoras desta UE ca as que apostan por esfarelar a mesma ou abandonar a súa estrutura. Habemos ter opción de debullalas nos nosos encontros vindeiros.
Xoán Antón Pérez-Lema