Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo acepta 600.000 euros máis da Unión Europea para crear emprego na provincia e reduce 4 millóns a débeda

pleno-xaneiroO Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade aceptar os 600.000 euros máis que lle concedeu o Fondo Social Europeo, procedentes do reparto de remanentes, e destinalos á creación de emprego na provincia, incorporándoos ó orzamento do Pacto Provincial polo Emprego II. Deste xeito, este proxecto, que formará e dará traballo a uns 1.000 veciños de toda a provincia nas profesións con máis futuro, contará cun presuposto total de 4,1 millóns de euros. No mesmo Pleno, o Goberno provincial deu conta dunha nova redución da débeda do organismo provincial en preto de 4 millóns de euros. Deste xeito, como avanzou o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, neste 2014 “reduciremos o endebedamento nun total de 11 millóns de euros, situándonos ó final do ano nos 26 millóns”. Isto permitirá que a Deputación de Lugo se manteña á cabeza dos organismo provinciais de España menos endebedados, sendo a día de hoxe o 5º con menos débeda, segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda.

“Cumprimos o noso horizonte ambicioso sen renunciar a facer investimentos”, subliñou Besteiro, quen contrapuxo a situación da débeda do organismo provincial coa da Xunta, que aumenta “de xeito escalofriante”. Feijóo “recibiu unha administración con 3.000 millóns de débeda e sitouna en 5 anos en 9.900, tendo xa máis débeda que orzamento”, asegurou o Presidente, quen defendeu a utilización da débeda pública “como un instrumento político para facer cousas, pero cando non se fai nada, ninguén entende esta subida”.

Pago a provedores en 8 días
Besteiro deu no Pleno outra “boa noticia económica” ó anunciar que o prazo medio de pago a provedores da Deputación no último cuatrimestre de 2013 -dende que se aproban as facturas ata o pago efectivo- é de 8 días, “moi por debaixo do que nos esixe a Lei”. “Estamos moi satisfeitos de pagar rápido e ben porque iso ten efectos positivos na economía; se os provedores cobran pronto, teñen liquidez, o que contribúe a reactivar o consumo”, destacou o mandatario provincial.

Boa xestión dos fondos europeos
Con respecto á incorporación dun novo investimento de 600.000 euros para crear emprego, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, destacou que supón “un recoñecemento da boa xestión dos fondos europeos, o contrario que fan outras administracións, como pode ser a Deputación de Ourense, que está a ser castigada por esa execución”.

Méndez engadiu que a achega vén a reforzar “o compromiso claro e decidido desta Deputación coa creación de emprego na provincia. Aínda que é a Xunta a que ten as competencias na materia, sabemos que o paro é o principal problema dos nosos veciños”, polo que, “como institución responsable e eficaz, comprometémonos coa creación de emprego, sendo conscientes ademais de que as administracións competentes neste campo, Xunta e Goberno central, non están a facer nada ó respecto”, indicou a Vicepresidenta.

Lara Méndez aclarou que os beneficiarios do Pacto Provincial polo Emprego II terán a posibilidade de realizar o exame para obter o certificado homologado de profesionalidade.

Contradición do PP no apoio ós autónomos

A pesar de recoñecer no Pleno que a decisión de aumentar as cotizacións ós autónomos “é mellorable e xenera moito rexeitamento” entre estes profesionais “porque son os que sosteñen a actividade económica deste país”, o Partido Popular votou en contra da moción do Goberno provincial na que se insta á Xunta a demandar ó Goberno central que anule o incremento dun 22% nas cotizacións mínimas para os autónomos que conten con 10 ou máis empregados no último ano.

Esta suba, adoptada “coma sempre sen ningún tipo de diálogo co sector afectado”, argumentou o Executivo provicial, suporá un aumento medio das tributacións de 60 euros ó mes, agravará a xa delicada situación de autónomos e pequenas empresas, ademais de destruír postos de traballo.

1,7 millón de euros para o POS 2014
A corporación provincial aprobou por outra banda, coa abstención do Grupo Popular, destinar 1,7 millóns de euros a obras nos 67 Concellos da provincia a través do Plan de Obras e Servizos (POS) de 2014. Polo tanto, tendo en conta que os Concellos deben aportar o 50% das obras deste plan, o importe total dos proxectos que se executarán na provincia grazas ó POS 2014 ascende a 3,4 millóns de euros.

“A Deputación salvou o POS de 2012 e 2013, e volve a estar garantido neste 2014 grazas ó esforzo desta institución, que, a pesar da crise e dos problemas económicos, mantén a mesma cantidade que cando gobernaba o PP na Deputación en época de bonanza. Mentres, o Goberno de Rajoy volve a brillar pola súa ausencia, sendo o único que non cumpre”, explicou o voceiro provincial socialista e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez. Ó eliminar a súa achega para o POS en 2012, “Rajoy adebédalle xa a esta provincia 9 millóns de euros”, apuntou.

Dos 1,7 millóns que a Deputación achega o POS, preto de 823.000 destinaránse a obras na rede viaria provincial e 960.000, a melloras nos Concellos, que as propias entidades locais deciden e solicitan. Martínez indicou que os criterios “transparentes e obxectivos” que rexirán o reparto dos fondos permiten que todos os municipios “teñan igualdade de oportunidades”. Os baremos son os seguintes: Cada concello recibirá un máximo de 10.000 euros; a poboación pesará un 40% na valoración; a superficie, un 20%; as entidades de poboación, un 25%; e o esforzo fiscal, un 15%.

Cambios no reparto da PAC
O Goberno provincial aprobou, cos votos en contra do PP, unha proposta na que esixe ó Goberno central e ó galego cambios nos criterios de reparto das axudas da PAC 2015-2020 para primar ós gandeiros e agricultores que realmente viven e traballan no campo galego. O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, destacou que os criterios fixados polo Executivo de Rajoy hai unha semana “crean dúas clases de xente: a que vive da PAC -os agricultores de sofá e os grandes terratenentes- e a que sobrevive da produción agrícola”. Isto prodúcese porque os preceptores das subvencións soamente teñen que demostrar que reciben o 20% dos seus ingresos da actividade agraria e poden recibir axuda cando soamente teñan unha vaca por hectárea de superficie dispoñible.

Santos indicou que se, en lugar de tomar como criterio fundamental as hectáreas, se tomase o número de gandeiros e produtores verdadeiramente activos, “Galicia recibiría o 16% do total estatal das axudas da PAC, en lugar do mísero e raquítico 3% que obtén agora”.

Por primeira vez dende a entrada de España na Unión Europea, os Estados tiveron nesta ocasión a liberdade de decidir como e a quen se dan as axudas da PAC, polo que a responsabilidade do reparto dos fondos é exclusivamente dos Gobernos do Estado e do autonómico. “Perdeuse unha oportunidade histórica para cortar o modelo de degradación dun sector vital para a provincia de Lugo”, argumentou Santos, ademais de poñer en evidencia “a dobre moral de Feijóo, que se comprometeu en Galicia a defender os intereses dos nosos gandeiros e agricultores, e chegou a Madrid e aceptou todo o que lle deron”.

A colaboración con UGT
O voceiro socialista do Goberno provincial explicou no Pleno, en resposta a unha pregunta do PP, que “a Xunta de Feijóo, tal e como figura no Diario Oficial de Galicia, concedeulle preto de 1,5 millóns de euros a UGT nos últimos tres anos, o que supón 60 veces máis do que a Deputación de Lugo lle deu a este sindicato entre os anos 2007 e 2013”. “O que fixo este Goberno provincial foi renovar a axuda que o Partido Popular lle concedeu na Deputación a este sindicato: a mesma cantidade e o mesmo fin. Por exemplo, léolle unha das facturas da etapa do PP: 3.734 euros para gastos de organización do congreso de UGT en decembro de 2005”, engadiu Manuel Martínez.

Deste xeito, subliñou o Deputado, “tan legais, procedentes e xustificadas están as axudas que vostedes lle daban na Deputación e que agora Feijóo lle dá na Xunta de Galicia a UGT, como as que damos nós. Exactamente igual”.

Martínez subliñou así mesmo que a “gran diferencia” entre os populares e este Goberno provincial é que “o PP e Feijóo teñen lagunas, nós damos todas as explicacións. Somos transparentes, algo que vostedes nin saben o que significa”. “Pasoulles aquí coa Operación Muralla, e pásalles agora con Marcial Dorado: vólvense opacos, esconden, tapan, móllanselles os papeis, non sabemos se coa auga do barco co que Feijóo navegou con Dorado”, asegurou o voceiro socialista, quen dixo estar esperando documentación da etapa do PP no Goberno da Deputación dende hai 14 anos.

O PP incumpre as regras
Por outra banda, o Presidente informou de que a ausencia da Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, durante a maior parte do Pleno provincial de hoxe debeuse a que este coincidiu coa sesión plenaria no Concello do que ela é edil, Antas de Ulla, gobernado polo Partido Popular. Deste xeito, afirmou Besteiro, o PP “incumpriu o acordo ó que chegamos ó inicio deste mandato entre todas as forzas políticas referido ó señalamento das datas dos plenos co fin de evitar a coincidencia das sesións dos concellos coas da Deputación”. “Este acordo non se cumpre, e espero que esta sexa a última vez que ocorre”, sinalou o Presidente.

Sentencia de Riotorto
Gómez Besteiro tamén deu conta ó Pleno do auto xudicial que sobresee todas as actuacións referidas ás obras da estrada Riotorto-Marco de Álvare, no que figura como denunciante o Partido Popular, a pesar de que o negara nun comunicado asegurando que fora a Fiscalía.

Exit mobile version