Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo, por proposta do PP, comprométese a poñer en valor inmobles da súa propiedade coma o Mirador de Mondoñedo

Lugo, 28 de xaneiro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular sacou adiante unha iniciativa plenaria na que o equipo de goberno da Deputación de Lugo se comprometeu a poñer en valor edificios da súa titularidade que ata o momento presentan un pésimo estado de conservación e mantemento.

Durante o transcurso dunha sesión plenaria na que o presidente provincial estaba máis pendente do seu ‘Ipad’, pode ser que centrado nas últimas novas de Ourense; o PSOE e o BNG manifestou o seu compromiso para poñer en valor o complexo de Augasmestas, en Quiroga; o Mirador en Mondoñedo ou a Casona no Incio.

Os populares agradecen o voto a favor desta proposta, o que non exime á Deputación da súa irresponsabilidade ao longo deste anos, e cuxa falta de xestión provocou o pésimo estado no que se atopan estes inmobles.

Dende o GPP resaltaron que co cumprimento desta iniciativa, estes inmobles permitirán a dinamización dos municipios nos que se asentan.

A Deputación dálle as costas aos concellos
O Grupo do Partido Popular denuncia que a Deputación Provincial de Lugo se negue a crear un plan de obras e servizos cos concellos que permita que o ente lucense cumpra coa súa principal competencia regulada por lei: a de cooperación cos municipios.

O equipo de goberno da Deputación de Lugo aprobou as bases dun Plan de Obras e Servizos “famélico” que se converte no peor de toda Galicia, ao aportar aos municipios “só calderillas” que provocan que moitos concellos paguen máis á Deputación que o que perciben da administración lucense.

O POS da Deputación de Lugo, en cifras
O Plan de Obras e Servizos aprobado este martes pola Deputación de Lugo, coa abstención do PP, ten unha achega de 959.529,16 para investir en obras de titularidade municipal.

Unha cifra que se manifesta “moi insuficiente” ao comparala cos máis de catro millóns de euros que durante 2013 a Deputación de Lugo, a través do procedemento de excepcionalidade, aprobou conceder só a quince concellos da provincia, ningún deles gobernado polo PP.

O GPP explica que “eles mesmos –en referencia ao PSOE e ao BNG- deixan entrever que esta contía non é suficiente, cando reparten entre amigos unha achega económica que cuádrupla a do POS”.

A maiores estase ante o peor plan das catro deputacións galegas: os concellos de Lugo deben asumir o 50% do investimento nas obras, mentres que as administracións da Coruña e Pontevedra cobren o 100% do plan, e a de Ourense o 75%.

En referencia a datos de 2013, a media por investimento a cada concello lucense foi de 14.900 euros; mentres que, por exemplo, os municipios da Coruña reciben de media unha contía que supera 17 veces as achegas de Lugo ou a duplican como é o caso de Ourense.

Posibilidade de rectificación
O PP presentou unha proposta que permitiría a mellora deste plan unha vez que prevía que o POS “famélico” se reiteraría no 2014 e antes de ter coñecemento das bases que hoxe levou o equipo de goberno a Deputación. E a maiores, tendo en conta que a dotación do plan no POS para os orzamentos de 2014, supón só un 3% do total.

Os populares na súa iniciativa pedían na elaboración das bases un plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal en colaboración cos municipios e que tivesen unha dobre finalidade: en primeiro lugar, a realización de investimentos nos concellos da provincia e en segundo lugar, a axuda ben ao financiamento de gastos correntes ou ben á amortización anticipada da débeda financeira das arcas municipais.

O GPP a través de enmendas, alegacións e outras iniciativas solicitou, en reiteradas ocasións, o incremento da partida destinada aos orzamentos 2014 para a creación dun plan de cooperación, que permita que a Deputación de Lugo cumpra, en virtude das competencias que lle atribúe a lexislación, dunha maneira óptima cos municipios da provincia.

Unha vez máis a administración vota en contra desta proposta: non cumpre cos municipios, desatende a súa principal competencia de cooperación cos concellos e convértese na administración galega que máis recorta.

Os populares denuncian a demagoxia e falta de propostas do PSOE e do BNG
Pese a que as cifras de paro baixaron respecto a anualidade pasada, -o que non acontecía nin co PSOE en Madrid, nin co bipartito en Santiago-, estes datos seguen a ser alarmantes e levan a medidas difíciles e, sobre todo, ante unha oposición “demagóxica, que sae a protesta contra todo e en contra de todos”.

Así o puxeron de manifesto os populares en relación á proposta sobre a suba de tributacións das persoas autónomas e pequenas empresas. Aos populares non lles agradan moitas destas medidas, manifestaron, e “gustaríalles que fosen doutro xeito e enténdese o rexeitamento que pode xerar”, pero esta proposta ten un obxectivo que é o de “blindar a sostibilidade da seguridade social, que é a base do sistema de benestar, que tanto din defender dende a esquerda”.

Neste senso, avogan por que esta proposta vaia a mellor e que se elabore un documento froito do máximo consenso e que se discuta con todas as organizacións e sectores durante o desenvolvemento regulamentario da norma. Así, os populares, ademais de dar cifras sobre os afiliados, tamén recordaron que noutros contextos se chegaron a consensos para crear follas de ruta a seguir, como é o caso do Pacto de Toledo.

Os socialistas e nacionalistas seguen sen ser o exemplo máis indicado de crear un modelo sostible para a seguridade social ou para a creación de emprego cando deseñan un plan que “discrimina aos parados en función do seu lugar de residencia”.

A Deputación non pode dar leccións de conservación do patrimonio galego
O Grupo Provincial do Partido Popular asegura que a Deputación de Lugo “non pode dar leccións de conservación do patrimonio galego”. Así, en resposta a proposta de demandar a titularidade pública e disposición universal do patrimonio artístico das antigas caixas de aforro, os populares explican que o goberno galego está a cumprir con todas as obrigas, e citan que a Xunta incoou o proceso de declaración BIC destes fondos, co que a administración autonómica está a garantirlle a máxima protección posible.

Neste senso, a Deputación de Lugo non é o máis claro exemplo de conservación do patrimonio lucense, cando foron os responsables do desmantelamento do museo provincial. “Deben fixarse na súa xestión e revisar as súas habituais afirmacións a cerca de cómo defender o acervo cultural de Galicia”.

O GPP pídelle a Deputación que defenda os intereses do agro e deixe de enganar á xente
O GPP pediulle á Deputación de Lugo que pense máis en “defender os intereses do agro e que deixe de enganar á xente”. “Se realmente queren traballar polo campo, deberían amosar unha actitude máis activa dende a Deputación, que posiblemente o necesiten máis ca outros entes preceptores de axudas”.

Segundo os populares, na negociación da PAC conseguiuse un traballo “moi equilibrado para Galicia” e máis se “miramos ao que tiñamos e ao que negociaron no seu día os socialistas”.

No GPP puxeron como un dos exemplos destas melloras, que dentro das axudas directas ás explotacións se conseguiu cumprir o obxectivo da Xunta e das organizacións agrarias, que era que a maioría dos pagamentos acoplados, -os ligados á produción-, fosen para o sector gandeiro. Ao igual, que os populares tamén salientaron a decisión de ligar por primeira vez na historia a percepción das axudas directas ao concepto de agricultor activo.

Exit mobile version