Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación porá en marcha un proxecto pioneiro en España que aumentará a transparencia nas administracións locais

A Xunta de Goberno aprobou este venres a contratación do que será un proxecto pioneiro en España “pola novidade e polo grao de profundidade que ofrecerá”, tal e como destacou a vicevoceira provincial socialista Pilar García Porto. Este plan suporá un paso máis na aposta do goberno provincial pola transparencia, o acceso á información pública e o bo goberno, ademais de reducir a fenda dixital a través da mellora da conectividade na provincia.

Trátase do proxecto Goberno Intelixente, que permitirá a creación dun portal dixital no que estarán presentes tanto a Deputación como todos os Concellos da provincia que se queiran adherir –a excepción do de Lugo–, e no que estas entidades locais poderán volcar toda a información de interese que xeren.

Esta información será, entre outra:
– a institucional básica: cargos electos e o seu patrimonio, competencias, normativa e lexislación ou actividade dos plenos, etc.
– a de tipo contable, orzamentaria e financeira: orzamentos e grao de execución, tempo medio de pago a proveedores, subvención, bolsas e axudas, ordenanzas fiscais, etc.
– a relativa a contratación: concursos públicos, resolucións, lexislación ou convenios
– a relativa a urbanismo e ordenación do territorio: plans urbanísticos, información xeográfica, enquisa de infraestruturas, etc.

Goberno intelixente estará cofinanciado nun 80% por fondos europeos procedentes do FEDER a través do programa Innova-TE2, e ofrecerá a veciños, empresas e outras administracións toda esta información dun xeito rápido e sinxelo, o que fará deste portal web “unha ferramenta fundamental no proceso de transformación do modelo institucional, organizativo e de xestión actual noutro no que a transparencia, o acceso á información pública e ás normas de bo goberno rexan definitivamente as relacións entre as administracións lucenses e os cidadáns”, subliñou García Porto.

Aforro acumulado de 265.000 euros
Pilar García Porto tamén anunciou que a Deputación leva conseguido un aforro acumulado de 265.000 euros en 26 dos 37 Concellos da provincia adheridos ó Plan Enerxético provincial. A Xunta de goberno deste venres aprobou a contratación de 1.777 compoñentes enerxéticos que se intalarán nos Concellos de Ribas de Sil, Guntín e Monterroso e que permitirán un aforro neste tres municipios de 160.000 euros ó ano. Estes compoñentes son, en concreto, 1.762 lámpadas de baixo consumo e 15 válvulas termostáticas que a Axencia Lucense da Enerxía instalará gratuitamente nas Casas Consistoriais e alumeado público dos tres Concellos, así como no CEIP San Clodio de Ribas de Sil; no PAC de Guntín e no Centro Sociocultural Lorenzo Varela de Monterroso.

Estas actuacións, que a Deputación financia ó 100% supoñendo un custe de cero euros para os Concellos, xa permitiron contratar de maneira conxunta compoñentes enerxéticos para os Concellos de Cervantes, Pol, Samos, Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Barreiros, Rábade, A Pontenova, Baralla, O Valadouro, O Incio, Abadín; A Fonsagrada; Becerreá, Viveiro, Riotorto, Láncara, Trabada, O Vicedo, Pobra de Brollón; Navia de Suarna, Meira; A Pastoriza; e estes tres últimos, Ribas de Sil, Guntín e Monterroso.

Subvencións da Xunta
A sesión acordou concorrer, un ano máis, ás axudas para a organización de obradoiros de emprego e accións formativas para desempregados, convocadas o pasado 23 de decembro pola Consellería de Traballo para as entidades locais.

Pilar García Porto explicou que, en canto ás accións formativas, son 8 as que a Deputación xa ten homologadas nos seus diferentes centros de traballo, relacionadas con especialidades da rama sanitaria, da produción ecolóxica e dos servizos socioculturais e á comunidade. En caso de que a Xunta conceda finalmente as axudas á Deputación de Lugo, serán 120 lucenses desempregados os que poderán optar a recibir esta formación en profesións de futuro. Outros 35 parados son os que poderán participar nos obradoiros de emprego, relacionados tamén coa rama sanitaria e dos servizos socioculturais e á comunidade.

A vicevoceira provincial destacou que “agardamos que nesta ocasión a Xunta de Galicia non marxine ós parados da nosa provincia recortando máis do que xa o fan as axudas para este tipo de iniciativas”, lembrando que en convocatorias anteriores as bases desta convocatoria permitían concorrear a varias liñas de axudas, “nesta ocasión a Consellería de Traballo só permite concorrer ás axudas dunha única liña”. García Porto fixo fincapé en que malia optar a máis axudas, nos dous últimos anos das 31 accións para desempregados solicitadas pola Deputación de Lugo, a Xunta concedeu 4”.

Exit mobile version