Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación esixe cambios no reparto da PAC para primar ós gandeiros e agricultores que viven e traballan no rural galego

depu-pacO Goberno provincial someterá a debate no Pleno ordinario convocado para mañá unha moción na que esixe ó Goberno central e á Xunta que modifiquen os criterios de reparto das axudas da Política Agraria Común para o período 2015-2020 co fin de que estas primen e favorezan ós gandeiros e agricultores que viven e traballan realmente no rural galego.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, advertiu de que a distribución dos fondos da PAC fixada na reunión que celebraron hai unha semana o Executivo do Estado e as comunidades autónomas, na que se priorizan ós grandes propietarios das terras por riba dos verdadeiros traballadores do campo, sen ter en conta a produción e o emprego creado polas explotacións, “prexudica gravemente a Galicia con respecto ó resto dos territorios” e o único que consegue “é perpetuar no tempo o modelo de degradación dun sector vital para a provincia de Lugo, fomentando o círculo vicioso de falta de actividade, desemprego e despoboamento”. De feito, tal e como lembrou a Deputada, “a porcentaxe de axudas que vai conseguir Galicia non alcanza nin sequera o 3%, a pesar de que conta co 16% do total de persoas que viven en España directamente do agro”.

Coa actitude mantida na negociación do reparto das axudas, “Feijóo volveu a manifestar a súa dobre moral cos agricultores e gandeiros, pois comprometeuse publica e oficialmente en Galicia a defender os seus intereses, e acabou aceptando todo o que lle daban de inicio en Madrid”, asegurou García Porto.

Como potenciar a actividade económica
A Deputada destacou que, por primeira vez dende a entrada de España na Unión Europea, os Estados teñen plena liberdade para fixar os criterios de reparto da PAC, permitindo deste xeito adecuar a política económica do sector primario á realidade de cada país. Polo tanto, “non lle poden botar a culpa a imposicións de Bruxelas, os Estados deciden como e a quen lle dan as axudas”, engadiu o delegado de Medio Rural, poñendo como exemplo a Francia, que “decidiu empezar de cero” na distribución das axudas comunitarias establecendo uns criterios que “potencian a actividade económica por medio de subvencións ós agricultores activos, todo o contrario que o Goberno español”.

Deste xeito, o Executivo de Rajoy permite conceder axudas a quen, do conxunto de ingresos que percibe, demostre que tan só un 20% procede de actividades agrarias. Aínda que tiña a posibilidade de facelo, España non aplicará tampouco o pago adicional ás primeiras hectáreas, establecendo como límite o máximo do tamaño medio das explotacións de cada país, o que favorecería ós pequenos gandeiros e agricultores galegos e permitiría redistribuír as axudas dunha maneira máis equitativa, sobre todo tendo en conta que a superficie media das explotacións da comunidade é de 17 hectáreas, fronte ás máis de 46 doutros territorios.

Por outra banda, a liberalización do mercado leiteiro prevista para 2015 impedirá ós gandeiros españois e galegos competir co leite excedente de Alemaña ou Francia, que van ter un nivel de axudas maior, tendo en conta ademais que os gandeiros galegos están moi endebedados polos grandes investimentos feitos na mellora da súas explotacións e na compra cotas, e que dentro dun ano non terán ningún valor.
Por todo isto, o Goberno provincial esixe que se modifique o criterio que prima o número de hectáreas fronte á produtividade, para favorecer a dinamización económica do sector primario e desincentivar a concentración de terras en mans de grandes terratenentes.

Demanda tamén que os Gobernos central e autonómico inicien as xestións pertinentes para cambiar o perfil do perceptor das subvencións da PAC, revalorizando o agricultor activo mediante un reparto que subvencione a aquelas explotacións que obteñen a maioría dos seus ingresos da súa propia actividade agraria ou gandeira; destinar o máximo das axudas acopladas estatais ós gandeiros para facilitar a competitividade do sector leiteiro trala desaparición das cotas en 2015; e establecer un límite máximo de axudas por explotación de 60.000 euros para favorecer ós pequenos produtores, aínda que contemplando a posibilidade de subir ese tope en función dos empregos que cree.

Exit mobile version