Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación mellorou a competitividade de 40 negocios da Mariña que participaron no Reacciona coas TIC

llano-tic-marinaO Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, supervisou este venres os resultados de implantación do programa Reacciona coas Tic na empresa North Atlantic, en Burela. A entidade é unha das 40 Pemes e autónomos da Mariña que participaron no programa para aumentar a súa competitividade e mellorar o seu posicionamento no mercado a través das novas tecnoloxías.

Alfredo LLano salientou que esta iniciativa dota ás entidades participantes das ferramentas informáticas necesarias para mellorar a súa xestión e proxección de mercado. Todo isto a custe cero, xa que o organismo provincial asume todos os gastos con máis de 200.000 euros de fondos europeos do Innova-TE.

Na Mariña, 36 empresas beneficiáronse deste plan da Deputación, que partiu dunha exhaustiva diagnose para atender ás necesidades reais de cada entidade e sacarlle o maior partido ás novas tecnoloxías. No caso concreto de North Atlantic, a empresa participou en 6 cursos gratuítos, -dos 18 que se organizaron dentro do programa-, cos que aprenderon a xestionar unha páxina en Facebook, un blog propio e twitter para a empresa. Ademais a entidade promociona e vende os seus produtos a través da plataforma que xestiona a Deputación www.losproductosdelugo.com aproveitando ó máximo as sinerxias das novas tecnoloxías.

Todo tipo de empresas
As entidades da Mariña que participaron no programa pertencen a sectores moi diferentes, que van dende peixerías ata construtores, pasando por talleres, transporte de mercadorías, turismo e comercio minorista, entre outros. Burela, Viveiro e Ribadeo son as vilas que máis empresas achegan ó plan con 10, 7 e 5 respectivamente, pero completan as cifras outros concellos como Lourenzá, Foz ou Trabada.

Importante aforro para PEMES e autónomos
Alfredo Llano explicou que a Deputación asume todos os custes do programa para as empresas e que estes servizos terían un custe moi elevado se os empresarios os contrataran pola súa conta. A Deputación consegue reducir custes instalando software libre e formando ós traballadores para que se encarguen eles mesmos do mantemento e xestión das ferramentas informáticas.

Reacciona coas TIC permitiu a un total de 150 negocios da provincia recibir un novo impulso á súa actividade grazas ás iniciativas incluídas no mesmo. É un programa pioneiro en Galicia porque inclúe aspectos coma a análise das necesidades informáticas destas empresas e autónomos, a dotación de ferramentas tecnolóxicas e a formación gratuíta para aproveitar do mellor xeito posible estas mesmas ferramentas. A institución provincial inviste neste programa máis de 200.000 euros, financiados ó 80% con fondos europeos, nunha clara aposta polas novas tecnoloxías e para impulsar ás Pemes e autónomos como sector económico clave na provincia.

Exit mobile version