Site icon Crónica3.com A Mariña

A FAPACEL rexeita o cambio de libros que instaurou a LOMCE

A Federación de ANPAS, FAPACEL, mostra o seu rexeitamento ao cambio de libros de texto instaurado coa entrada en vigor da LOMCE.

Deste xeito, destacan que “a economía familiar do noso país está en momentos moi delicados (non descubrimos nada). Pero agora non só temos que pensar no día a día; senón que temos que prepararnos para dentro de 9 meses. Dentro de 9 meses o Sr. Wert (coa complicidade do Sr. Vázquez) decidiu que temos que desembolsar unha cantidade de cartos por un parto que nos non decidimos”.

Ademais, critican que “alguén de nós decidiu ter que pagarlles as editoriais unha cantidade moi elevada de cartos por uns libros que ninguén pediu que cambiaran, todo por un empeño en homoxeneizar o pensamento en toda España”. E, engaden que “este cambio conta coa complicidade do noso Conselleiro de Educación que parece que os problemas das familias galegas lle importan moi pouco. O Ministerio de Educación rebaixa as becas para libros un 30% e o noso Conselleiro caladiño”.

“Como familias non podemos deixar que nos asoballen unha vez máis, a Consellería de Educación ten a oportunidade de emendar esta situación e demostrarnos que as familias galegas lle importamos, que lle importa que os nosos fillos teñan material para poder estudar”.

Polo tanto, esixen “libros de texto e material didáctico gratuítos e a volta ao sistema de préstamo universal; que se avance na gratuidade total de todos os medios que se utilicen no ensino público; e que se dote aos centros de persoal abondo para xestionar axeitadamente o sistema de préstamo”.

Exit mobile version