Site icon Crónica3.com A Mariña

A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública chaman a mobilizarse o luns 27

Galiza, 25 de Xaneiro de 2014. A Iniciativa Galega Pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública que agrupan concellos de diferente signo político, organizacións veciñais e de pacientes, organizacións de profesionais sanitarios/as, ONGs, Colectivos de Inmigrantes, sindicatos, organizacións políticas e da que fan parte a totalidade das Plataformas en defensa da sanidade que operan en Galiza fan un chamamento ao conxunto da sociedade galega a que se mobilice o vindeiro luns 27 de Xaneiro diante dos hospitais Monforte de Lemos, A Coruña, Ferrol, Compostela, Cee, Ribeira, Lugo, Burela, Ourense, O Barco, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Verín.

Segundo indicaron desde este colectivos “ non é de recibo a postura da Xunta de Galiza que segue a impor un imposto a enfermidade penalizando a aqueles doentes que padecen enfermidades crónicas, a doentes de cancro, de leucemia, de artrose a diferenza mesmamente do que están a facer outros territorios gobernados polo PP”.

A Iniciativa Galega Pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública quere amosar o seu rexeitamento á introdución en Galiza do copago por medicamentos de dispensación hospitalaria:

1.- Porque a consideramos unha medida irracional e inxusta xa que na maior parte dos casos afecta a pacientes con enfermidades graves como o cancro, esclerose múltiple, artrite reumatoidea, que teñen unha elevada mortalidade, e que se asocian con graves molestias para os pacientes e en moitos casos discapacidade permanente. Asemade a aplicación desta medida provocará para estes/as enfermos/as crónicos/as máis dificultades das que xa teñen para acceder aos medicamentos necesarios. As persoas e familias afectadas por estas enfermidades adoitan incrementar os seus gastos entre 400 e 600 euros e supoñen na maior parte dos casos a perda do posto de traballo propio ou dos/as familiares (caso de que a enfermidade afecte a un menor que necesita en moitos casos a presenza dalgún dos pais)

2.- Non cumpre ningún dos criterios argumentados pola administración sanitaria para xustificar os repagamentos: O carácter disuasorio e o recaudatorio dos mesmos, e neste caso non se cumpre en ningún dos dous supostos. Non ten carácter disuasorio dado que a indicación da prescrición corre a cargo de especialistas clínicos e a súa administración contrólase polos servizos de farmacia hospitalarios, polo que os/as pacientes non teñen ningunha capacidade de decisión nin de opción para acumular este tipo de fármacos.Tampouco é esperable un efecto recaudatorio dado que os gastos en persoal e equipamento administrativo necesarios para garantir o cobro compensarán os ingresos polo mesmo.

3.- O argumento da Consellaría de Sanidade de garantir a cohesión e a harmonización do sistema sanitario, tampouco se sostén dado que a maior parte das Comunidades Autónomas, incluídas as gobernadas polo Partido Popular (como Castela a Mancha presidida pola Secretaria Xeral deste partido), anunciaron que non a aplicarán ou que asumirán o pago dos devanditos medicamentos con cargo aos seus orzamentos públicos, dadas a súa dureza social e as súas repercusións sanitarias.

4.- Por todo iso esiximos á Xunta de Galiza que recapacite e non aplique esta medida que prexudica gravemente os colectivos afectados pola enfermidade e que en moitos casos non poderán facer fronte aos pagos pola súa vulnerabilidade económica e social.

Exit mobile version