Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña cadete pecha a súa participación no Galego de seleccións locais perdendo na semifinal contra Pontevedra

Martes 28 de xaneiro. A Selección da Mariña Cadete de Fútbol Sala de Base, baixo a coordinación da Fundación Imdecum, pechou a súa participación no Campionato Autonómico de Seleccións Locais na fase final o domingo pasado en Santiago de Compostela. Os da costa de Lugo caeron na semifinal ante o combinado de Pontevedra por 0-3.

Tutelados por Christian Fustes, os mariñáns, que conseguiran o billete para a última fase como segundos de grupo tras impoñerse por 4-2 á Terra Chá e empatar con Lugo con 1-1, viron minguadas as súas posibilidades tras un comezo frouxo, con 3 goles en contra en tan só dez minutos. Aínda que a reacción da selección de Imdecum foi boa, os erros en finalización frearon a realidade da remontada.

O quinteto inicial estivo conformado por Aarón (Burela FS), Mamadou (Burela FS), Aitor (Burela FS), Chiki (Burela FS) e Mini (Burela FS); tamén xogaron Kaká (Burela FS), Xosé (Burela FS), Brais (ED Alfoz-O Valadouro), Gabi (ACD Xove), Iván (Colexio O Pilar) e David (Cidade de Viveiro).

O rival dos da Mariña rematou subcampión tras sucumbir á contundente selección de Lugo por 7-1. O combinado da cidade amurallada tamén se proclamou campión na categoría benxamín, que venceu 3-2 á Coruña. En alevíns, o título foi parar á vitrina de Pontevedra, con 4-2 fronte a Vigo. Os da cidade olívica tamén caeron na final infantil, fronte aos coruñeses (8-5).

Percorrido
A Mariña tamén contou con representación no Autonómico doutros tres combinados na primeiro tramo de competición. Os benxamíns quedaron en segunda posición e alevíns e infantís remataron o seu periplo na terceira praza.

Exit mobile version