Site icon Crónica3.com A Mariña

“A pesar das inclemencias meteorolóxicas, houbo numerosa presenza de xente en Foz durante a XI Festa do Berberecho”

Foz, 20 de xaneiro de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, fixo este luns un balance positivo da XI Festa do Berberecho, que se celebrou dende o pasado venres ata este domingo. O rexedor destacou a numerosa presenza de xente que houbo na vila focense durante o fin de semana a pesar das inclemencias meteorolóxicas e manifestou que o evento deixou “moi bo sabor de boca”.

“Unha vez finalizada a XI Festa do Berberecho de Foz, que comezou co pregón de Basilio Otero o venres, estamos moi contentos sobre todo pola multitude de visitantes que houbo na carpa, onde estaban centralizados os actos e a venda das catro especialidades de berberecho que había preparadas. E o balance que facemos coa hostalería tamén é moi bo. A verdade é que os obxectivos cumpríronse, houbo moita xente en Foz e moveuse o fin de semana, como adoita pasar na Festa do Berberecho de Foz, que é un referente no mes de xaneiro”, explicou Javier Castiñeira.

O alcalde focense engadiu que “o balance en números é que se aproximan a 2.000 racións as que se venderon na carpa, o que é moi positivo, xa que coas racións que se venderon na hostalería seguramente pase moito das 2.000 as que se venderon este ano durante a Festa do Berberecho de Foz. Hai que ter en conta que o fin de semana foi complexo meteoroloxicamente pero iso non impediu que a zona portuaria estivera chea, sobre todos nas horas de comida e cea, cando houbo moita xente”.

Ademais Castiñeira agradeceu “a todos aqueles que participaron para que este evento saíra como estaba programado” e pediu desculpas “por algún pequeno erro que puido haber, pero tratarase de solucionar para próximos anos”.

O rexedor rematou comentando que “quedou un moi bo sabor de boca, falando de gastronomía, o que é importante, e estamos decididos para que a seguinte Festa do Berberecho, a décimo segunda edición, sexa un pouco mellor”.

Exit mobile version