A Mariña, 18 de xaneiro de 2014. Con data 6 de novembro de 2013 a Xerencia de Atención Integrada de Cervo, Lugo e Monforte decidiu a suspensión dos módulos de atención continuada no 2014, comunicando aos facultativos responsábeis destes servizos que a partir do 31 de decembro non está previsto a atención dos servizos de xinecoloxía, consultas externas e radioloxía en horario de tarde nunha decisión que será revisábel cada trimestre. Para a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña estamos diante doutra decisión arbitraria da Xerencia de Atención Integrada na liña de ir recortando as prestacións sanitarias na comarca, á que dende Lugo parecen considerar como un centro de gasto que hai que podar, e non como un centro sanitario de vital importancia para a calidade asistencial das mais de 70.000 persoas que atende na nosa comarca.
O XERENTE PROVINCIAL CONSIDERA O HOSPITAL DA COSTA COMO UN CENTRO DE GASTO QUE SE DEBE PODAR E NON COMO UN CENTRO SANITARIO
A Plataforma acusou ao xerente da Estrutura de Xestión Integrada, Antonio García Quintáns, de xestionar a sanidade pública dende un punto de vista exclusivamente mercantilista e non como garante da saúde da poboación. Nesta liña responsabilizárono de tomar decisións nas que A Mariña “sempre sae perdendo ao ver o Hospital da Costa e os centros de saúde da comarca como centros de gasto e non como servizos para garantir a calidade sanitaria das mais de 70.000 persoas que residen habitualmente na comarca”.
O xerente provincial está obsesionado por recortar o gasto sanitario público e utiliza a súa posición de poder á fronte da Estrutura de Xestión Integrada para ir podando os servizos, persoal e material que van degradando a calidade asistencial na nosa comarca.
As últimas decisións da EOXI(Estrutura Orgánica de Xestión Integrada), dirixida por Quintáns dende Lugo, demostra unha vez mais que este modelo de xestión afecta gravemente ás prestacións sanitarias na comarca que lonxe de mellorar, empeoran e redúcense a través dunha estratexia de recentralización sanitaria que persigue aumentar o desvío de doentes da Mariña cara o HULA e cara os centros sanitarios privados como POLUSA ou Virxe dos Ollos Grandes, desmantelando pouco a pouco a sanidade pública da nosa Comarca.
Para a Plataforma, ademais de padecer un modelo de xestión integrada, imposto polo Partido Popular dende o goberno da Xunta en contra do criterio dos colectivos sanitarios e da poboación mariñá en xeral, sufrimos un xerente provincial que nin sabe, nin quere saber nada das necesidades asistenciais da nosa comarca e sucumbe, xunto coa dirección do SERGAS, ante as presións dun “lobbie sanitario privado interesado en facerse cada vez con mais espazos de negocio roubados ao servizo público”.