Site icon Crónica3.com A Mariña

A Policía Autonómica incrementou en case un 50% os operativos de loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal

O Consello da Xunta aprobou este xoves o informe de colaboración entre o equipo especializado da Policía Autonómica (Equipo de Resposta Policial, Erpol) e o servizo de Gardacostas da Xunta, na loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal correspondente a 2013.

Ao longo de pasado ano despregáronse un total de 259 operativos de control do marisqueo en toda a costa galega (un 47 por cento máis con respecto a 2012), co fin de impedir as actividades relacionadas co furtivismo, tanto no que se refire á extracción do marisco como á venda e distribución ilegal. Nestas operacións foron comisados uns 14.000 quilos de marisco (mil máis que en 2012). Estas actuacións enmárcanse dentro da activa colaboración que a policía autonómica vén desenvolvendo con distintos departamentos da Consellería do Medio Rural e do Mar, sobre todo no que atinxe á loita contra o furtivismo e marisqueo ilegal.

Co fin de controlar non só a actividade extractiva, senón tamén e moi especialmente a saída do produto, a súa venda e transporte, os axentes autonómicos establecen dispositivos con persoal propio que se completan con outros dispositivos conxuntos con gardacostas. Deste xeito, o persoal da policía autonómica traballa tanto a pé de Praia como nos portos ou estradas, establecendo dispositivos de intervención directa, con controis e inspeccións de embarcacións e vehículos, así como identificacións e denuncias de infractores, mesmo coa súa imputación e detención.

Inspeccións e incautacións
Durante o ano pasado, os membros desta unidade especializada da policía autonómica inspeccionaron un total de 881 vehículos e 388 embarcacións. Así mesmo, efectuaron preto de 50 controis nas estradas galegas. Ademais do marisco comisado, os axentes policiais realizaron más de 800 incautacións de material, entre os que destacan útiles de traballo como anzois, palangres, lanternas, restrelos, sachos e caldeiros entre outros, así como traxes de neopreno, pranchas de poliespan, nasas e mesmo un total de 24 embarcacións e vehículos.

No que atinxe ás persoas involucradas, o grupo de axentes de elite de loita contra o furtivismo identificaron ao longo do ano pasado a máis de 2.700 persoas, tramitaron case 1.600 denuncias e abriron dilixencias policiais en 16 casos. Así mesmo, o número de detidos e imputados ascendeu a 76 persoas (un 230 por cento máis que en 2012, cando se imputaron 23 persoas).

Os datos recollidos no informe poñen de manifesto que as actuacións conxuntas entre o equipo da Erpol e o persoal de gardacostas intensificáronse ao longo do ano pasado en comparación co exercicio anterior, o que se reflicte tanto no número de operación coma nos seus resultados.

Deste xeito, cúmprese co obxectivo último deste tipo de colaboración, que non é outro que facilitar que os traballadores e traballadoras do mar poidan realizar o seu labor con total seguridade, poñendo coto ao furtivismo como unha das principais ameazas de quen teñen o marisqueo coma o seu medio de vida, xa sexa de forma directa ou indirecta.

Cómpre lembrar que a chegada o ano pasado de novos efectivos da UPA e a ampliación en case un 60 por cento do persoal do equipo Erpol, permitiu reforzar a vixilancia e o control. E está previsto que esta colaboración entre os axentes da Policía Autonómica e o Servizo de Gardacostas da Xunta mesmo se incremente ao longo do ano en curso, na medida en que se consoliden definitivamente as intervencións do persoal policial da UPA nas tarefas de control e loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal.

Exit mobile version