Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco retoma o seu programa ‘Descubre Galiza. Viaxa con nos pola historia, a cultura e a xeografía do país’

A Asociación Cultural A Pomba do Arco retomará este venres día 10 de xaneiro o ambicioso proxecto iniciado no mes de novembro do ano pasado.

O presidente da Asociación A Pomba do Arco afirmaba “Tal como recollemos no nome do proxecto o que se pretende é descubrir Galiza ao conxunto da sociedade, Galiza como realidade histórica, como unha cultura propia e tamén unha realidade xeográfica que descoñecemos. A esa aventura apaixonante queremos convidar a todas as persoas interesadas na historia de Galiza e en descubrir a nosa xeografía.”

Esta actividade que propón a Pomba do Arco vai ter lugar este venres día 10 de xaneiro ás 20.30 no CENIMA de Foz. Trátase dunha charla impartida polo profesor Marcos Loureiro que vai falar da Alta Idade Media de Galiza, da formación do Reino, do século X, das importantes figuras galegas que pasaron por ese século entre a que destaca San Rosendo, bispo de San Martiño de Mondoñedo e fundador do mosteiro de Celanova, entre outros temas. O día 17, tamén venres, ás 20.30 levarase a cabo a segunda das charlas sobre este período da historia. Rematarán estas charlas cunha excursión á igrexa de Santa Comba de Bande e a Celanova, visitando o mosteiro e a Casa dos Poetas, vinculada ás figuras dos escritores Celso Emilio Ferreiro e Curros Enríquez.

Todos aqueles que desexen participar nesta actividade poden asistir libremente os días 10 e 17 de xaneiro ás charlas que terán lugar no CENIMAá s 20.30. Para participar na excursión convén anotarse no número de teléfono 606-630-113 o antes posible, pois hai que te ren conta que as prazas da excursión son limitadas á capacidade do autobús.

Fernández Pacios indicou que “ tendo en conta o ben que se pasou na primeira das excursións, visitando o castro de Viladonga, o museo provincial e a casa de Manuel María contamos con que esta actividade sexa do agrado do público en xeral e pensamos que imos contar cun bo número de participantes, tal e como aconteceu na primeira das excursións. Quero facer fincapé en que se anoten no 606-630-113 o antes posible para evitar problemas de última hora”.

A Pomba do Arco comeza este novo ano coa actividade Descubre Galiza á que invita a todo o mundo a participar nela.

Exit mobile version