Site icon Crónica3.com A Mariña

A vindeira semana vota a andar en Burela o proxecto ‘Educando en familia’ para nenos e nenas de entre 0 e 6 anos

Burela, 11 de xaneiro de 2014. A vindeira semana comeza a súa andaina o proxecto educativo Educando en familia, segundo ven de anunciar a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán.

A edil popular subliña que “Educando en familia dalle continuidade á Aula Junior. Os espazos educativos desenvoltos por Estefanía Eijo, antiga mestra-orientadora de Preescolar Na Casa, están dirixidos ás familias que teñan nenos e nenas de idades entre 0 e 6 anos. Estas xuntanzas levaranse a cabo ao longo do ano na Casa da Cultura, concretamente na Aula de Familia, e haberá diferentes grupos en horario de mañá e tarde, atendendo ás idades e necesidades dos nenos e nenas”.

Diana Durán indica que “Educando en familia é un programa de coeducación e igualdade e de formación de familias, onde a súa presenza é vital para educar a nenas e nenos de cero a seis anos do Concello de Burela, desenvolvendo as súas aptitudes, a súa aprendizaxe e a confianza en si mesmas/os, realizando actividades adaptadas a cada idade na que o obxectivo é difundir unha cultura da infancia e acompañar á familia na aventura de medrar e no desafío de educar”.

Educando en familia inicia a súa andaina a vindeira semana, dándolle continuidade á Aula Junior, tras o descanso das vacacións de nadal.

Os pais poden dirixirse ao Centro de Información á Muller (CIM) en horario de 8 a 15 horas.

Exit mobile version