Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta distribúe 5,8 millóns de euros entre empresas da provincia para promover a transformación e comercialización de produtos agrarios

Lugo, 3 de xaneiro de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, distribúe preto de 5,8 millóns de euros entre empresas da provincia de Lugo para promover a transformación e comercialización de produtos agrícolas e forestais.

As axudas, cofinanciadas con fondos europeos Feader, veñen de facerse públicas no día de hoxe mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, no mesmo recóllense unhas achegas económicas que ascenden a 5.796.540 euros para o caso de empresas e explotacións radicadas en Lugo.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, sinalou que “62 empresas lucenses do sector agrícola e forestal se benefician destas axudas” e fixo fincapé en que esta colaboración económica por parte do Executivo galego ten por obxectivo “impulsar a modernización e innovación tecnolóxica dos centros produtivos”.

Neste sentido, boa parte destas achegas entran dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, a través do cal reciben axudas 55 empresas e explotacións de Lugo. Deste ámbito estratéxico, resultan un total de 5,5 millóns de euros das subvencións.

Por outra banda, outras sete firmas do sector forestal lucense (serradoiros, na súa meirande parte) obteñen axudas mediante o Programa de Desenvolvemento Forestal (PDF) de Galicia. En total, as achegas que reciben estas empresas lucenses do sector forestal suman 285.569 euros.

A representante do Goberno autonómico na provincia fixo fincapé en que a través destas liñas de apoio actúase de modo importante “na mellora dun sector estratéxico do tecido socioeconómico da provincia”, colaborando con financiación “para dar un pulo na modernización das instalacións e das liñas de producción das mesmas”.

Así mesmo, cómpre destacar que dende hai unha semana está aberta xa o prazo de presentación das solicitudes da convocatoria de axudas do ano 2014 para promover a transformación e comercialización de produtos agrarios. O prazo de presentación das solicitudes remata o día 27 de xaneiro. Destas axudas está excluído o sector vitivinícola, que conta cunha orde específica, publicada o día 24 de decembro.

Exit mobile version