Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta está traballando na recuperación da cuberta do colexio de Xove para retomar as clases o xoves

Xove, 7 de xaneiro de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, confirmou que o colexio de Xove poderá retomar as clases con normalidade o día 9, segundo marca o calendario do curso escolar, porque os técnicos da Xunta xa traballan dende onte para minimizar as consecuencias da caída de parte da cuberta a causa do temporal da pasada fin de semana.

Arias destacou a rápida reacción da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dado que onte mesmo comezaron a traballar os técnicos para avaliar os danos e barallar as distintas solucións posibles.

A delegada explicou que “estase traballando para retirar os cascallos que hai no patio e posteriormente colocarase unha cuberta provisional para que as clases poidan reiniciarse con normalidade”.

Como solución de transición, barállase instalar unha cuberta de lona ou de fibrocemento, segundo a dispoñibilidade dos materiais e as posibilidades de colocación no máis curto prazo. Tan pronto se reciba a cuberta definitiva, que será construída ao efecto, procederase á súa colocación.

O CEIP Pedro Caselles Rollán conta na actualidades con 179 alumnos, distribuídos en 11 unidades. Por ciclos, 58 dos alumnos pertencen a Educación Infantil e os 121 alumnos restantes atópanse nas aulas de Educación Primaria.

Exit mobile version