Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta exerce a acción popular no proceso pola morte de María José Suárez

A Asesoría Xurídica da Xunta exerceu, por instancia da Secretaría Xeral de Igualdade, a acción popular por primeira vez no caso da morte de tres mulleres por violencia de xénero en Galicia. En concreto, compareceu nas dilixencias previas abertas no xulgado de Verín polo falecemento de Fátima Machado (cuxa parella está imputada) e no xulgado de Marín pola morte de Isabel Pérez Fraga.

Así mesmo, acaban de iniciarse os trámites no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro para exercer a acción popular pola morte de María José Suárez (o seu marido está imputado polo seu presunto asasinato ocorrido hai unhas semanas en Cervo).

O vicepresidente Alfonso Rueda elevou hoxe un informe ao Consello da Xunta para dar conta deste procedemento. Trátase da primeira vez que o Executivo galego exerce a acción popular, despois de que o pasado mes de xullo acordase comparecer en todos os procesos penais en caso de morte por causa de violencia de xénero. Con esta iniciativa, a Xunta deu un paso máis na procura da igualdade efectiva entre homes e mulleres, concretamente na loita contra a violencia de xénero, e afianzou o compromiso institucional coa erradicación desta lacra.

Unha prioridade do Goberno galego
A Xunta aprobou a principios deste ano o VI Plan galego de igualdade entre homes e mulleres, cun orzamento de máis de 220 millóns de euros, e que prevé máis de 300 actuacións nas cales a prioridade é a loita contra a violencia de xénero. Ademais, tal e como xa se ten manifestado en varias ocasións, está a piques de entrar en funcionamento o Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CRI) e o Observatorio Galego para a Violencia de Xénero.

O CRI será un centro de referencia e innovador, que ofrecerá un modelo de atención integral ás vítimas de violencia de xénero desde o inicio do proceso ata a súa completa recuperación. Así, aplicará terapias e labores de asesoramento ás vítimas, actuará como centro formador de profesionais e voluntarios na loita contra a violencia de xénero e será o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia.

Pola súa banda, o Observatorio Galego para a Violencia de Xénero será un órgano de recollida, análise e difusión de información relativa a este tipo de violencia e será clave para o deseño de estratexias de loita contra ela. Nas accións concretas que deseñará para a prevención e erradicación desta lacra social prestará especial atención ao ámbito educativo.

Exit mobile version