Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta proporciona asesoramento a preto de 2.000 explotacións agrarias lucenses para que sexan máis rendibles e sustentables

Lugo, 31 de xaneiro de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, comunicou que a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou 1.511.045 euros a sufragar servizos de asesoramento e xestión que beneficiaron a preto de 2.000 explotacións agrogandeiras da provincia de Lugo.

Arias afirmou que o fin último destas axudas é “mellorar o rendemento global das explotacións”, xa que os titulares das mesmas son asesorados para que implementen “modelos de xestión máis rendibles e sustentables”.

A delegada explicou que a Xunta financia economicamente tanto ás explotacións que pagan polo servizo de asesoramento como ás entidades que ofrecen ditos servizos, que requiren persoal especializado e deben estar inscritas no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento ou Xestión de Galicia.

Deste xeito, obtiveron axudas 1.830 agricultores e gandeiros da provincia de Lugo, por importe conxunto de 1.388.138 euros. Así mesmo, Medio Rural colaborou con 21 entidades prestadoras que realizaron estes servizos na provincia, ás que destinou unha contía global de 122.907 euros.

As orientacións que se imparten aos profesionais do sector inclúen obrigatoriamente as normas relativas á seguridade laboral derivadas da normativa comunitaria e as relativas ao inicio da actividade no caso das persoas agricultoras mozas.

En xeral, os gandeiros e agricultores poden consultar calquera cuestión relacionada coa súa actividade,e por parte da entidade intentarase ofrecer un asesoramento integral, que recolla información sobre a utilización de enerxías renovables, xestión da auga, biodiversidade e sobre a reestruturación do sector leiteiro, de acordo coa normativa europea.

Tamén reciben formación sobre a posta en marcha do contrato de explotación sustentable, ao que moitos dos profesionais están adscritos. Mediante este contrato, a Xunta outorga aos agricultores prioridade á hora de acceder a axudas de desenvolvemento rural, mentres que estes comprométense a orientar a explotación cara a un modelo sustentable, que potencie a produción de alimentos sans e de calidade e contribúa a fixar poboación no medio rural.

A delegada territorial subliñou a importancia destas actuacións da consellería para “fomentar modelos de produción máis beneficiosos dende o punto de vista económico, social e ambiental”, e lembrou que a actividade agraria “define a xestión dunha parte fundamental do noso territorio, que debemos preservar e dinamizar”.

Exit mobile version