Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfoz acolle as primeiras Olimpíadas Interparroquiais

Un novo proxecto está a poñerse en marcha en Alfoz. Os sábados do vindeiro mes de febreiro vanse celebrar no noso concello as Primeiras Olimpíadas Interparroquiais. Equipos formados por arredor de 10 concursantes por parroquia (aínda que o número pode variar e ser algúns máis ou algúns menos, segundo a xente que queira participar) van competir en catro probas diferentes para dilucidar cal é a parroquia gañadora. Podemos dicir que as nosas Olimpíadas serán moito máis completas que as tradicionais Olimpíadas deportivas, posto que incluirán:

1. CULTURA XERAL. O sábado, día 1 de febreiro, será o tempo das preguntas que demostren o saber dos concursantes; preguntas de varios tipos que marquen quen é o que máis sabe de todo un pouco. As parroquias recibirán puntos en función dos acertos que consigan os seus representantes.

2. FÚTBOL SALA: O deporte tampouco estará ausente das nosas Olimpíadas. Neste caso será o sábado día 8 e será o fútbol sala o que poñerá en forma ós representantes das parroquias participantes. Os equipos con xogadores de cada parroquia enfrontaranse en eliminatorias, obtendo diferentes puntuacións dependendo do lonxe que cheguen nesas eliminatorias.

3. ACTUACIÓNS ARTÍSTICAS: Cada parroquia escollerá a un representante ou a varios que actuarán o sábado día 15 diante dun Xurado esixente, que valorará as súas actuacións seguindo un baremo de puntos. As actuacións poderán ser monólogos, cancións, baile, chistes, etc., é dicir, unha variada manifestacións dos diversos talentos dos participantes.

4. XOGOS POPULARES: Deixamos o día final para a competición máis galega ou popular, pois os representantes das parroquias competirán en xogos tan coñecidos como o tiro da corda, as carreiras de sacos, o lanzamento de pacas de herba, etc. Isto será o sábado 22 de febreiro. Tamén obterán puntos en función das destrezas manifestadas.

Finalizadas as competicións sumaranse todos os puntos obtidos en cada unha delas polos representantes das diversas parroquias e proclamarase solemnemente a parroquia gañadora do ano 2014 no concello de Alfoz. Os membros do equipo gañador recibirán importantes premios e, sobre todo, o prestixio de triunfar nunhas OLIMPÍADAS INTERPARROQUIAIS.

Exit mobile version