O Romeiro, coma tódolos anos, escribiu unha cartiña aos reis, a ver se era posible que lle trouxeran algún regalo, posto que non estaba de todo satisfeito co que lle trouxeron fai dous anos, en forma de posto político a dedo na empresa pública e con gran salario.
Desta volta, non pediu ser Alcalde coma en outras ocasións, iso xa llo pediu a Papá Noel nos días do Nadal, incluso puxo o traxe, pero o vermellón non cumpriu os seus desexos e tívose que conformar co que tiña.
Agora, na súa misiva, empregou termos pouco apropiados, como ignorantes, amnésicos, pírricos, etc. tentando ridiculizar unha manifestación de máis de 200 persoas(os datos non son do BNG, senón dos medios de comunicación) que claman, coma todo o pobo de Viveiro, por unha solución para o muelle vello. Ademais contou algunha mentira das súas, sobre a miña participación e a do BNG no goberno municipal. Semellante argumentario, non lles gustou aos reis, que analizando o contido desta carta, e de todas as anteriores no 2013, decidiron traerlle carbón, aínda por riba de importación, coma ó ministro. Isto ao romeiro non lle gustou.
Sr. Aja, unha vez revisadas todas e cada unha actas das Xuntas de Goberno Municipal e Plenos de Viveiro, durante os anos 2011 e 2012, non existe nin unha sola na que se aprobara esa solicitude para os Galpóns de Viveiro. Nós non temos coñecemento de que iso se producira, pode ser unha solicitude por decisión unilateral da Alcaldía, coma moitas que se tomaron nese tempo, e der ser así, vostede que ten tódolos datos, pídalle contas ao Partido Socialista Obrero Español.
Ademais, de ser certas as súas declaracións, déixeme facerlle dúas preguntas; se Portos de Galicia tiña a intención de demoler os Galpóns do peirao de Viveiro, como vostede afirmou en numerosas ocasións, ¿porque non denegou esa autorización, e os demoleu directamente?. E en segundo lugar, o 31 de maio do 2012, en Portos anunciaron que ían facer un proxecto para demoler os galpóns, que o faría a empresa Tragsa(sonaralle), cun prazo de 3 meses e 7000 euros de custe. Fíxose ese proxecto, ou dedicaron o diñeiro a outra cousa?
O Partido Popular non quere que o Muelle Vello sexa reparado, votaron, coa súa maioría absolutísima, en contra da emenda aos orzamentos da Xunta que presentou o BNG, na que pediamos 3 millóns de euros para un proxecto de reforma integral.
Pídolle sr. Aja, que deixe de remexer co Muelle Vello, que remate coa súa política de “e ti máis”, e o seu partido que goberna na Xunta e no Estado, chegue a consenso coa Corporación Municipal, para darlle ao peirao unha solución, dunha vez por todas.
É a súa responsabilidade.
Bernardo Fraga
Portavoz do BNG de Viveiro