Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobadas varias ordenanzas sociais no Pleno do Concello de Ribadeo ás que se destinan 30.000 euros este ano

Ribadeo, 24 de xaneiro de 2013. No pleno ordinario do Concello, celebrado este xoves, aprobáronse varias ordenanzas sociais ás que se destinan arredor de 30.000 euros este ano. Segundo o alcalde, Fernando Suárez, ditas ordenanzas pretenden fomentar a xustiza e a igualdade e redistribuír a riqueza entre as familias que máis o precisan de Ribadeo. O rexedor xa anunciou que esa partida se incrementará se non fose suficiente para atender as necesidades máis urxentes. A reforma da lei do aborto centrou o capítulo das mocións presentadas a debate.

Suárez Barcia explicou que “se aprobaron de maneira inicial estas axudas de emerxencia social, que sempre se estiveron a dar desde o Concello, pero sen regulación e agora regúlanse de xeito máis xusto. Por exemplo para acceder a esa concesión de axudas esíxese un período mínimo de 6 meses de empadroamento en Ribadeo e que terán que ser destinadas a gastos puntuais e non gastos periódicos”. O alcalde puntualizou que “o Concello non pode pagar sistematicamente a renda dalgunha familia, aínda que non teña recursos, pero sí que pode facer algo de xeito puntual ben sexa o subministro eléctrico, a renda, alimentos, roupa, mobiliario básico… a iso irá destinada a consignación deste ano, pero si é necesario incrementarémola ao longo dos vindeiros meses”.

O rexedor ribadense subliñou que “o que queremos é que sempre haxa xustiza, e a pesares de que agora a normativa dos Concellos está a cambiar e dalgunha maneira quedamos capados dalgunhas destas competencias nosoutros seguiremos a aplicar esta redistribución da riqueza para seguir ofrecendo, na medida das nosas posibilidades xustiza e igualdade para todos. Si desde a Subdelegación do Goberno non o ven ben o que teñen que facer é impugnarnos a ordenanza en canto isto saia publicado”.

Fernando Suárez aludiu tamén “a esta outra ordenanza que sacamos para bonificar as actividades para os menores de Ribadeo. Queremos que as familias con falla de recursos económicos poidan enviar aos seus nenos e nenas ás actividades que se organizan desde o Concello, non queremos que deixen de acudir ás escolas deportivas, escola de música, campamentos de verán, etc… Para que haxa xustiza ten que haber igualdade e desde o Concello de Ribadeo queremos seguir a traballar nesta liña”.

Reforma da lei do aborto
Na sesión plenaria de onte tamén se aprobou unha moción do equipo de goberno sobre a reforma da lei do aborto. O Concello instará á Xunta a que demande ao goberno do Estado que se siga a aplicar a lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, porque a reforma proposta é unha volta atrás para as mulleres, segundo a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra.

A edil nacionalista dixo que “cremos firmemente que o novo anteproxecto de lei atenta contra os dereitos fundamentais: non poden ser as institucións, nin os xuíces, nin os médicos os que decidan por nós. Como mulleres, como persoas adultas debemos ser nais por elección, porque a maternidade ten que ser algo consciente, escollido e digno e nunca pode ser por un mandato gobernamental. Polo tanto nós cremos que este anteproxecto de lei atenta directamente contra este dereito fundamental”.

Mariluz Álvarez Lastra sinalou que “supón un retroceso nos dereitos que as mulleres tíñamos conseguidos ata o día de hoxe; é dicir, supón un retroceso de moitos anos cara atrás porque van decidir outros por nós e vamos volver á práctica de consentir facer abortos clandestinos en lugares fóra do noso país. E polo tanto vai haber mulleres de primeira e de segunda, mulleres que teñan esa capacidade económica para poder facer este tipo de prácticas fóra do noso país; pero outras mulleres, que por razóns de tipo económico e social non teñan os medios para facelas, non se lles dará esa opción a elixir senón que terán que seguir adiante cun embarazo que en moitos casos non sexa desexado e acaído”.

A concelleira de Igualdade manifestou que “o que nos parece máis grave é eliminar o suposto de malformación grave fetal; é dicir estamos abocando ás mulleres a traer a esta vida a persoas que van ter malformacións conxénitas graves cando se está arrasando dende as políticas que está levando a cabo o Partido Popular, que goberna no Estado e na Xunta de Galicia, coa sanidade pública, coa lei de dependencia, coa axuda aos centros educativos nas materias de apoio e de educacións especiais. É dicir vamos traer persoas a este mundo que como nais, como persoas e como familias nin sequera lles imos poder garantir os seus dereitos. E ademais tendo en conta que moitas veces a eses nenos que nazan con esas malformacións vamos condenalos a unha vida que nin sequera merece a pena. Simplemente se contemplan legalmente dous tipos de supostos para poder abortar, que é a violación e o grave risco para a saúde da nai”.

A edil do BNG indicou que “a nós parécenos un retroceso fundamental nos dereitos que as mulleres conseguimos. Nos momentos actuais de recortes tratar de crear polémica cunha lei que ata o día de hoxe non orixinou ningunha confrontación porque este tema estaba asumido por todo o mundo, utilizando o mito do aborto das menores, supón que non se está lexislando para toda a sociedade senón que se está facendo para grupos relixiosos que están presionando para que isto se leve adiante. Mostra clara disto é que dentro das propias filas do Partido Popular hai voces discordantes e no pleno deste xoves manifestáronse os propios membros deste partido a favor de que se debe modificar, porque non podemos perder eses dereitos, hai cousas moi mellorables e, dende logo, hai cuestións fundamentais e as mulleres debemos ser donas da nosa propia vida”.

A moción presentada polo equipo de goberno contou con 10 votos a favor: BNG, PSOE, UPRI e un edil do PP, dúas abstencións do PP e un voto en contra tamén do grupo municipal do PP. Para Mariluz Álvarez Lastra “iso quere dicir que é algo que socialmente non ten claro todo o mundo, que non se está lexislando para todos e que se está facendo caso simplemente a un sector da poboación que está presionando”.

Dende o Concello de Ribadeo “imos iniciar unha serie de actos que posteriormente anunciaremos, en colaboración coas compañeiras do Occidente de Asturias, para que as mulleres e a sociedade sexan conscientes do retroceso nos dereitos fundamentais ao que nos pode abocar a aprobación deste proxecto de lei. E dende logo transmitir toda a información da maneira máis obxectiva posible para que todo o mundo decida e para que nos movamos socialmente para que isto non se leve a cabo”.

Exit mobile version