Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras do colexio de Xove rematarán de xeito “inminente”, despois da actuación urxente da Consellería de Educación

280114 Colexio XoveXove, 28 de xaneiro de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou este martes o CEIP Pedro Caselles Rollán, en Xove, e confirmou o inminente remate das obras de reparación do centro, despois dunha actuación de urxencia acometida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para arranxar os estragos causados polo temporal o pasado 5 de xaneiro.

Os paneis da cuberta xa foron instalados, introducindo algunhas modificacións no deseño para reforzar a resistencia ao vento, que provocou os danos na estrutura anterior. Na actualidade estanse rematando os traballos así como a reparación doutros desperfectos ocasionados no entorno pola caída de paneis do teito.

A delegada destacou a dilixencia coa que actuou a Xunta “tanto á hora de abordar a intervención como de habilitar o orzamento necesario”, 54.000 euros autorizados con carácter extraordinario polo Consello da Xunta o pasado día 16.

O colexio ten unha nova cuberta de panel sándwich. As obras axilizáronse tanto como foi posible, segundo recordou Arias, que explicou as actuacións que se realizaron nestas tres semanas para minimizar os danos nas instalacións e a afectación á actividade escolar.

Así, o día 6 de xaneiro os técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xa se desprazaron ao lugar para avaliar os danos e barallar as distintas solucións posibles. A cuberta perdera o 75% do panel que a protexía debido ao forte temporal. Grazas á rápida actuación inicial, as clases puideron retomarse con normalidade tras as vacacións do Nadal o día 9, segundo marcaba o calendario escolar.

Nos días seguintes intentáronse diversas solucións provisionais para cubrir o teito, con lona ou tela asfáltica. A climatoloxía, a persistencia de choiva e vento na zona neste inicio de ano, frustrou estas medidas e dificultou a execución dos traballos ata hoxe mesmo.

En todo caso, si quedaron cubertas as zonas de maior perigo de filtración. Así mesmo, de maneira preventiva e para evitar calquera incidencia, na planta superior do edificio non se desenvolveu actividade co alumnado, protexeuse o mobiliario e o material das aulas das posibles filtracións de auga e cortouse o subministro eléctrico.

Exit mobile version