Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro aplaude o novo Real Decreto que simplifica e homologa a nivel internacional as titulacións profesionais do sector pesqueiro

Santiago, 25 de xaneiro de 2014.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, aplaudiu a decisión do Consello de Ministros de aprobar o novo Real Decreto polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro e se establecen as condicións básicas para a súa obtención e as atribucións de cada unha das titulacións.

O parlamentario popular lembrou que o Goberno central cumpre así un dos compromisos máis demandados polos profesionais do mar que observaban como, ata o de agora, os seus títulos profesionais estaban regulados nunha lexislación moi dispersa e, incluso nalgúns aspectos, obsoleta.

CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE
A espera da publicación definitiva do texto no Boletín Oficial do Estado (BOE) -que determinará a súa entrada en vigor- a nova normativa acomete, por primeira vez desde 1960, unha simplificación e unificación en materia de titulacións profesionais do sector pesqueiro, ao tempo que se establece a canle para a homologación dos certificados de profesionalidade.

Precisamente este foi un dos aspectos máis destacados polo portavoz popular do Mar, xa que logo, se establece o procedemento para que os profesionais do mar que veñen desempeñando unhas tarefas respecto das que non dispoñían de titulación regrada específica, poidan obter o correspondente título profesional previa valoración dos seus coñecementos e da súa experiencia.

A normativa introduce tamén a posibilidade transitoria de que aqueles profesionais que superaron os exames da antiga formación de adultos poidan presentar os correspondentes períodos de embarque e obter, así, o correspondente título profesional.

HOMOLOGACIÓN INTERNACIONAL
Finalmente Balseiro indicou que, segundo as informacións adiantadas polo Consello de Ministros, o novo Real Decreto cumpre outras das aspiracións máis recorrentes do sector pesqueiro como é a introdución na lexislación española das previsións dispostas no Convenio Internacional sobre normas de formación, titulación e garda para o persoal dos buques pesqueiros (STCWF-1995), ratificado por España en 2008.

O seu obxectivo é promover a seguridade da vida humana no mar e a protección do medio mariño. Para iso establece normas internacionais para que o persoal enrolado nos buques pesqueiros de navegación marítima teña a competencia e a aptitude debidas para desempeñar as súas funcións.

GALICIA LIDERA ÁS INICIATIVAS
Balseiro,nunha primeira valoración de urxencia á espera de coñecer o texto definitivamente aprobado, indicou que o Goberno do Central da un paso adiante, dentro do seu compromiso constante coa modernización de toda a normativa no ámbito profesional martímo-pesqueiro e, nesa liña, lembrou que foi o PP quen en Galicia, da man da Xunta e dos profesionais, liderou a petición, para que se acometan reformas e adaptacións á realidade presente das normativas sobre titulacións e tripulacións mínimas, ambas na axenda do Goberno.

Exit mobile version