Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle esta semana o campionato de España de seleccións territoriais de fútbol sala feminino sub 17

Burela, 21 de xaneiro de 2014. Este martes tivo lugar, no salón de plenos do Concello de Burela, a rolda de prensa oficial de presentación do Campionato de España de Seleccións Territoriais de Fútbol Sala Feminino na categoría Sub 17. O acto estivo presidido polo alcalde de Burela, José María González Barcia; acompañado do Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o vicepresidente do Comité de Fútbol Sala da Federación Española de Fútbol, Gonzalo de Azcárate; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Antonio Fernández Lendoiro; o concelleiro de Deportes de Cervo, Luis Guillén; e o patrocinador do Burela Fútbol Sala, Rubén Blanco.

Asistiron tamén outros representantes do fútbol sala galego e concelleiros da corporación burelesa, xunto co Xefe Provincial para o Deporte, Manuel Otero.

O alcalde burelés, José María González Barcia, deulles a benvida ás nove seleccións territoriais (Galicia, Aragón, Andalucía, Cataluña, Murcia, Extremadura, Madrid, La Rioja e Cantabria) que competirán desde o 22 ó 26, ámbolos dous inclusive, do presente mes de xaneiro, no pavillón Vista Alegre. Tamén se xogarán partidos no pavillón dos Institutos e no pavillón de San Cibrao, cedido polo Concello de Cervo. “Agardo que a vosa presenza en Burela durante esta semana serva para estreitar lazos entre comunidades autónomas e entre localidades”, dixo o rexedor.

González Barcia destacou a importancia do evento: “durante estes días, grazas á celebración deste Campionato de España, Burela vai ser a capital do fútbol sala feminino. Será o referente dun deporte que nesta vila está xa plenamente consolidado desde hai anos coa presenza do Burela Fútbol Sala nas máximas divisións. Por iso, temos que agradecerlle á Real Federación Española de Fútbol que optase por Burela para a celebración desta competición”.

O alcalde de Burela recoñeceu que “os éxitos do Burela Fútbol Sala Feminino teñen posto a Burela no mapa do deporte nacional; de aí a importancia de apoiar decididamente desde o Concello a organización deste Campionato de España. Non oculto que para Burela é unha forma excelente de promoción”.

Finalmente, José Mª González Barcia manifestou “o compromiso do Equipo de Goberno de prestar todo o apoio posible ó deporte en xeral e ó fútbol sala en particular; a situación económica non é doada, pero iso non vai impedir que a concesión de axudas, que recuperamos en 2013 despois de cinco anos, continúe e mesmo se incremente no futuro, buscando apostar polo deporte de base como fundamento da formación das persoas. E, por suposto, o Concello estará sempre traballando para traer para Burela eventos como o que vai ter lugar nos vindeiros días”.

Exit mobile version