Site icon Crónica3.com A Mariña

Noceda organiza en Burela unha xornada en febreiro sobre o novo entorno tecnolóxico e social para as empresas

O Salón de Actos de Armadores de Burela acollerá o venres 14 de febreiro a primeira Xornada Noceda Empresas de 16.00 a 19.20 horas.

O consultor e profesor de Escolas de Negocios, Álvaro M. Gómez Vieites, será o ponente desta xornada onde se tratará “Como competir no novo entorno tecnolóxico e social” co obxectivo de mostrar os cambios nas relacións económicas para lograr novos modelos de negocio e novas formas de competir.

A xornada será inaugurada polo Secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, CEL, Jaime Luis López Vázquez. Posteriormente, e ata as 17.00 horas terá lugar a primeira parte da exposición sobre empresas que xeran valor e riqueza no noso entorno, unha breve análise dos cambios tecnolóxicos e sociais; así coma o papel da información, o coñecemento e o talento.

Despois dun breve descanso, a segunda parte da exposición que dará comezo arredor das 17.20 tratará sobre a revolución SoLoMo -dispositivos móbiles, redes sociais e xeolocalización de usuarios-; ademais do impacto das TICs nas empresas, o cambio nos comportamentos dos consumidores ou o gran potencial das novas tecnoloxías para o futuro.

Finalmente, o consultor convidado como ponente achegará algúns consellos para competir na Economía Dixital, antes de abrir un espazo para preguntas e debates.

As prazas para asistir a esta xornada gratuíta son limitadas. Os interesados poden recibir máis información no teléfono 982 12 15 12 ou a través do correo electrónico jornadasempresa@noceda.com.

Exit mobile version