A Fundación Expomar adoptou este acordo nunha sesión extraordinaria do seu padroado, reunido este venres na Casa do Concello da localidade. Segundo explicou o seu presidente e alcalde de Burela, José María González Barcia, “a guerra do bonito foi un exemplo significativo da preocupación das xentes do mar pola sostibilidade da pesca, defendendo as artes de pesca tradicionais e garantes da sostibilidade do recurso, e esixindo a erradicación de prácticas pesqueiras nada acordes coa preservación dos stocks”.
O presidente de Expomar afirmou que “por iso, pretendemos darlle un dobre enfoque ós actos que queremos organizar ó cumprírense os vinte anos daqueles feitos. Por un lado, enmarcar, como queda dito, a loita dos mariñeiros de Burela para preservar un recurso, neste caso o bonito, emblemático para esta vila e, por suposto, fonte de ingresos tradicional da nosa flota. Por outro, pretendemos tamén lembrar e dar a coñecer o momento social no ano 1994, e a repercusión que tivo a guerra do bonito”.
González Barcia dixo que “non hai que esquecerse, que xa pasou unha xeración desde aquela simbólica costeira do bonito de 1994, e é bo lembrar o que acontecía e o que aconteceu, e dar a coñecer á que non viviu, por distintos motivos, aquela situación”. Para o presidente da Fundación Expomar, “ten que quedar claro desde o primeiro momento que non pretendemos outra cousa ca enmarcar, tal e como acabo de explicar, eses feitos”.
Barcia manifestou que “os actos concretos están sen definir, aínda que os temos esbozados. Prevemos celebrar unha mesa redonda desde a visión da guerra das volantas como unha preocupación pola pervivencia do recurso, é dicir, pola sostibilidade da actividade pesqueira, que previsiblemente se enmarcará dentro do programa das Xornadas Técnicas. Por outro lado, estamos vendo a viabilidade de celebrar unha exposición fotográfica sobre a guerra das volantas, dado que as imaxes que se teñen captado son realmente impresionantes. Dita mostra podería ir acompañada de paneis co recollido pola prensa naquelas semanas e meses”.
José María González Barcia tamén indicou “a posibilidade de realizar unha segunda mesa redonda ou foro aberto con protagonistas directos daqueles momentos, para que sexan eles os que expliquen directamente as súas vivencias naquel verán de 1994 e a súa análise desde a súa perspectiva actual”.
O presidente de Expomar engadiu que “xa tivemos algún contacto con protagonistas daqueles momentos desde diversos ámbitos: falamos con xente do sector do mar, con xente da información, etc… A partires de agora toca poñerse a traballar para tentar que o que se faga sexa realmente ilustrativo das preocupacións do sector pesqueiro naquel 1994 e do momento social que se vivía”.
Finalmente, González Barcia agradeceulles ós membros do Padroado a súa receptividade, e deixou “abertas as portas a todas aquelas persoas ou entidades que queiran sumarse a esa mirada que queremos darlle á guerra do bonito, tendo en conta que ten sido un dos momentos máis intensamente vividos polo sector do mar en todo o século pasado e no que vai do presente, e de moita repercusión para o conxunto da vila”.