Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo inicia unha campaña de prevención de atropelos polas parroquias

charla_seguridadeCervo, 27 de xaneiro de 2014- O Concello de Cervo iniciou este luns a unha rolda de reunións informativas sobre a prevención de atropelos. Unhas charlas que teñen lugar nos locais sociais das parroquias e que están impartidas pola Policía Local do municipio. Nelas, os axentes explican aos asistentes as medidas que deben adoptar para mellorar a súa seguridade, tanto no caso dos peóns coma dos condutores.

Unhas charlas nas que se porá especial énfase na utilización dos chalecos de alta visibilidade, explicándose cando se deben usar, destacando a súa utilidade e dando a ver os perigos de transitar sen el así como recomendacións para camiñar e conducir con seguridade, especialmente fóra de tramo urbano. Precisamente ao remate de cada charla entregarase aos asistentes un chaleco deste tipo para fomentar o seu uso.

As charlas están dirixidas especialmente ás persoas maiores aínda que tamén poden acudir todas as persoas interesadas no tema. A campaña iniciouse este luns en Rúa, e continuará ao longo desta semana e comezos da que vén co seguinte calendario (todas as charlas ás 18 horas): 28 de xaneiro na escola de San Román; 29 no local social de Trasbar; 30 na escola de Castelo; 31 no local social da Senra e 3 de febreiro no Ecomuseo de Cervo.

O Concello de Cervo pon en marcha esta iniciativa en colaboración coa Delegación Provincial de Tráfico. “Todo o que podamos facer para evitar os perigos nas estradas é pouco” asegura o edil de Seguridade Cidadá José Ramón Soto, e neste caso “consideramos que é unha acción moi positiva e beneficiosa xa que pretende implicar tanto a condutores como a peóns na adquisición de rutinas para a seguridade de todos”.

Exit mobile version