Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo ofrece unha charla sobre medidas de protección e seguridade para a xente maior

Cervo, 10 de xaneiro de 2014- A Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Pilar Armada, promove unha charla sobre medidas de prevención e mellora da seguridade, dirixida especialmente á xente maior, pero aberta e útil tamén para persoas doutras idades. A actividade estará impartida por un membro da Garda Civil de Barreiros e terá lugar este sábado, ás 18 horas, no local da asociación Terramar, situado na Casa do Mar.

Nela, o especialista exporá os principais problemas de seguridade e riscos aos que están expostos os maiores na súa vida cotiá, como roubos en domicilios, roubos e furtos no contorno das entidades bancarias, abusos de confianza, tiróns, estafas, o uso fraudulento das súas propiedades, fondos, contas e cartillas de aforro ou o maltrato nas súas diferentes formas.

Neste sentido, ofreceranse tamén consellos para identificar unha posible estafa así como medidas básicas e rutinas para resultar menos vulnerables aos perigos. Ao mesmo tempo, explicarán cal é o procedemento máis recomendable a seguir en caso de sufrir algunha das situacións mencionadas e responderanse as preguntas que queira facer o público.

Esta iniciativa inclúese no Plan Maior de Seguridade que pon en marcha o Ministerio do Interior. A edil de Servizos Sociais asegura que esta charla é unha “medida moi práctica, xa que nela ofrecerase información de moita utilidade, na medida en que estamos falando de previr e evitar as situacións de perigo da cidadanía”. “Consellos básicos que son moi fáciles de poñer en práctica pero que hai que coñecelos, e por iso convidamos a todas as persoas a acudir” remata Armada.

Exit mobile version