Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo traballa no acondicionamento da área recreativa de Sargadelos e na plantación de árbores autóctonas

Cervo, 30 de xaneiro de 2014- A delegación de Medio Ambiente comezou a traballar no acondicionamento e remodelación da área recreativa de Sargadelos, que inclúe a plantación de árbores autóctonas e outras tarefas que mellorarán esa zona que forma parte do Conxunto Histórico-Artístico.

En concreto, o Concello quere mellorar esta área de lecer con diversas actuacións. Unha delas consistirá na plantación de árbores autóctonas, principalmente castiñeiros e carballos, para enriquecer a zona cunha masa forestal con especies de natureza atlántica.

Outra das actuacións consistirá en recolocar e nivelar as mesas de pedra da área recreativa así como acondicionar o terreo. Todo co obxectivo de que resulte unha zona “de descanso y recreo verde, agradable, acogedora, y que mantenga o incluso mejore la capacidad de atracción turística que ya tiene de por si el conjunto” asegura a edil de Medio Ambiente e Turismo, Begoña Alonso.

De feito, esta semana tivo lugar unha reunión para planificar todas estas accións, de grande importancia ao afectar a un área situada nas proximidades dos restos da antiga fábrica de louza e fundición así como do Paseo dos Namorados e da senda Botánica.

Esta plantación de árbores autóctonas forma parte do proxecto de reforestación que leva anos acometendo o Concello de Cervo en terreos de titularidade municipal e en montes comunais. “Llevamos tiempo trabajando para extender los árboles autóctonos por todo el municipio, intentando potenciar nuestra riqueza natural y propiciando una masa vegetal con especies típicas de la zona” explica Alonso.

Hai que lembrar que a semana pasada o Concello cortou as árbores que se atopaban na marxe da estrada, fronte á citada área recreativa, por motivos de seguridade das persoas e do patrimonio. De feito, anteriormente xa se tiñan producido danos en vehículos por caídas de árbores. Con esta corta a administración local pretendía evitar riscos e incluso que houbese que lamentar danos maiores.

Unha talla que resultou complicada, tanto pola elevada altura dos piñeiros, como pola súa situación, ao carón de edificios emblemáticos, como as Carboeiras. Ao mesmo tempo, foi necesario cortar outras árbores, acacias especialmente, que se atopaban na propia área recreativa, por atoparse debilitadas e enfermas e que tamén podían supoñer un perigo para os usuarios da zona. Así, as acacias serán substituídas por especies propias da zona.

Exit mobile version