Ademais, advirten do “escurantismo” sobre a cualificación profesional das traballadoras e traballadores desta empresa adxudicataria. “A día de hoxe non está acreditada a cualificación profesional deste persoal para manipular e reparar aparatos de alta tecnoloxía (diálise, radioloxía, laboratorio, endoscopias, respiradores,…)”, aseveran. De confirmarse esta situación, “suporía unha grave irresponsabilidade por parte do SERGAS, polas consecuencias de risco para a saúde dos usuarios/as da sanidade pública da Mariña”.
Retirada de citas para probas diagnósticas
A CIG-Saúde apunta que mesmo dende a Xerencia Executiva do Hospital da Costa se recoñece verbalmente o incumprimento de máis do 50% do prego de condicións. Isto deu lugar a retirada de citas para realizar diversas probas diagnósticas -como endoscopias ou mamografías- dada a incapacidade da empresa adxudicataria para arranxar os citados equipos, “o que deriva nunha diminución da calidade asistencial sendo os mariñaos e mariñás os/as principais prexudicados/as”.
Privatizar para beneficiar empresas afíns
A central nacionalista denuncia que o coa privatización do servizo de mantemento “desmantelouse un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel”.
Por iso, CIG Saúde A Mariña rexeita enerxicamente toda privatización do patrimonio sanitario público do noso país “tendo claro que as privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico, senón o afán do goberno do PP por privatizar a sanidade pública e enriquecer a empresas amigas, pondo a crise como escusa”.