Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde A Mariña secunda a concentración deste luns ás oito e media diante do Hospital da Costa

CIG-SAÚDE A Mariña apoia e secunda a concentración convocada pola Iniciativa Galega pola Gratuidade e a Universalidade da Sanidade Pública e SOS Sanidade Pública.

Este luns 27 de xaneiro ás 20,30 horas diante do Hospital da Costa, e no resto dos hospitais de Galiza, para que non se aplique o novo imposto á enfermidade impulsado polo Goberno Rajoy e aceptado submisamente por Alberto Nuñez Feijóo e o PP de Galiza, o repagamento de medicamentos de dispensa hospitalaria.

A Iniciativa Galega Pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública quere amosar o seu rexeitamento á introdución en Galiza do copago por medicamentos de dispensación hospitalaria:

1.- Porque a consideramos unha medida irracional e inxusta xa que na maior parte dos casos afecta a pacientes con enfermidades graves como o cancro, esclerose múltiple, artrite reumatoidea, que teñen unha elevada mortalidade, e que se asocian con graves molestias para os pacientes e en moitos casos discapacidade permanente. Asemade a aplicación desta medida provocará para estes/as enfermos/as crónicos/as máis dificultades das que xa teñen para acceder aos medicamentos necesarios. As persoas e familias afectadas por estas enfermidades adoitan incrementar os seus gastos entre 400 e 600 euros e supoñen na maior parte dos casos a perda do posto de traballo propio ou dos/as familiares (caso de que a enfermidade afecte a un menor que necesita en moitos casos a presenza dalgún dos pais)

2.- Non cumpre ningún dos criterios argumentados pola administración sanitaria para xustificar os repagamentos: O carácter disuasorio e o recaudatorio dos mesmos, e neste caso non se cumpre en ningún dos dous supostos. Non ten carácter disuasorio dado que a indicación da prescrición corre a cargo de especialistas clínicos e a súa administración contrólase polos servizos de farmacia hospitalarios, polo que os/as pacientes non teñen ningunha capacidade de decisión nin de opción para acumular este tipo de fármacos.Tampouco é esperable un efecto recaudatorio dado que os gastos en persoal e equipamento administrativo necesarios para garantir o cobro compensarán os ingresos polo mesmo.

3.- O argumento da Consellaría de Sanidade de garantir a cohesión e a harmonización do sistema sanitario, tampouco se sostén dado que a maior parte das Comunidades Autónomas, incluídas as gobernadas polo Partido Popular (como Castela a Mancha presidida pola Secretaria Xeral deste partido), anunciaron que non a aplicarán ou que asumirán o pago dos devanditos medicamentos con cargo aos seus orzamentos públicos, dadas a súa dureza social e as súas repercusións sanitarias.

4.- Por todo iso esiximos á Xunta de Galiza que recapacite e non aplique esta medida que prexudica gravemente os colectivos afectados pola enfermidade e que en moitos casos non poderán facer fronte aos pagos pola súa vulnerabilidade económica e social.

Exit mobile version