Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezo do segundo acto para as laranxas en Soto del Real

lidia-peque-soto13O Burela FS Pescados Rubén renova ilusión e ganas para afrontar a segunda volta de Primeira RFEF con forza. O segundo acto da elite arrincará para as laranxas na sempre resistente pista do Soto del Real (sábado 1, 18.00 horas).

O cadro da Mariña medirase a un rival que ocupa a antepenúltima praza da clasificación (14 puntos), un rival acostumado a manexarse sen inculcarse ansiedade pola necesidade dos puntos. “Soto saber vivir nesa situación e na súa casa tamén sabe reaccionar para intentar rabuñar os máximos puntos posibles” advertía o adestrador Quico Otero. “Imos coa mentalidade de que o partido nos sirva para intentar levantar os ánimos; queda moita liga por diante e temos que competir ata o final“ explicaba o técnico laranxa, tras o resultado adverso (5-2) da pasada xornada, que deixou sensacións das que a escuadra burelista quere fuxir: “En Alcorcón foi o único partido no que non competimos en toda a primeira volta; o equipo sentiuse inferior, sobre todo na segunda parte e iso non pode volver pasar. Debemos encarar todos os encontros sendo conscientes das nosas posibilidades e sen deixarnos condicionar antes de tempo” reflexionaba con rigor o preparador laranxa.

“A nós fannos falta os tres puntos para seguir na pelexa con Navalcarnero e Alcorcón. Deberemos ter paciencia no ataque estático e moito coidado nas perdas de balón, que nos obrigarán a facer repregamentos moi rápidos” adiantaba Quico Otero.

No alto da táboa, o Navalcarnero (41 puntos) visitará o Gironella FS, sexto (23 puntos), e o Ciudad de Alcorcón, empatado a 37 puntos co Burela FS, terá unha tarefa a priori máis doada, recibindo o pechacancelas, AE Vallirana.

A expedición mariñá porá rumbo ao destino da décimo sexta xornada hoxe ás 15.00 horas, con Maite e Bea Mateos entre algodóns. Nas filas sotorrealeñas, Pitu e Helen xa regresaron ao adestramento tras senllas intervencións de xeonllo, aínda que non é probable a súa participación nesta xornada, segundo o club madrileño.

No encontro inaugural da tempada, o marcador quedou en táboas (1-1).

*FOTO: A Caixa Escura Producións

Exit mobile version