Site icon Crónica3.com A Mariña

Concentración no Hospital da Costa contra o copago dos medicamentos hospitalarios

la_foto_2As plataformas SOS sanidade Pública e a Iniciativa galega pola Gratuidade da Sanidade Pública concentrábanse diante dos centros hospitalarios de diversas áreas sanitarias para seguir demandando ao Presidente da Xunta de Galiza que retire a medida do copago dos medicamentos de dispensación en farmacia hospitalaria. Con este motivo entregaron no rexistro das distintas xerencias un escrito explicando as súas demandas e en defensa da sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade.

María Xosé Abuín denuncia que “a Xunta de Galiza vai ser a única comunidade na que se poña en marcha esta medida que terá graves consecuencias para as/os doentes e non se corresponde con ningún criterio nin asistencial, nin técnico, nin recaudatorio, xa que a burocracia necesaria e os gastos derivados da súa posta en marcha serán superiores aos efectos recaudados”.

Para Abuín é imprescindíbel que a Xunta de Galiza e a consellaría de Sanidade escoiten dunha vez as voces e opinións cualificadas dos colectivos profesionais que rexeitan esta medida.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lamentou ademais “as desafortunadas declaracións de Feijóo referidas a que estes medicamentos poidan ser de dispensación en farmacias non hospitalarias cun custo onde a/o doente tería que abonar até o 50% do seu custo. Unha barbaridade”.

As plataformas exixen que se rectifique e que esta medida nunca chegue a aplicarse para evitar as graves consecuencias e sufrimentos que provocará nas/os doentes xa castigados/as pola enfermidade que padecen.

Reproducimos de seguido o escrito presentado nas xerencias:

Carta aberta ao Sr Nuñez Feijóo Presidente da Xunta de Galicia

Desde as Plataformas Iniciativa Galega Pola Gratuidade da Sanidade e SOS Sanidade Pública que agrupan concellos de diferente signo político, organizacións veciñais e de pacientes, organizacións de profesionais sanitarios/as, ONGs, Colectivos de Inmigrantes, sindicatos, organizacións políticas, etc., queremos amosar o noso rexeitamento á introdución en Galicia do copago por medicamentos de dispensación hospitalaria.

1.- Porque a consideramos unha medida irracional e inxusta xa que

Na maior parte dos casos a perda do posto de traballo afecta a pacientes con enfermidades graves como o cancro, esclerose múltiple, artrite reumatoidea, que teñen unha elevada mortalidade, e que se asocian con graves molestias para os pacientes e en moitos casos discapacidade permanente.

A aplicación desta medida provocará para estes/as enfermos/as crónicos/as máis dificultades das que xa teñen para acceder aos medicamentos necesarios. As persoas e familias afectadas por estas enfermidades adoitan incrementar os seus gastos entre 400 e 600 euros e supoñen na maior parte dos casos a perda do posto de traballo propio ou dos/as familiares (caso de que a enfermidade afecte a un menor que necesita en moitos casos a presenza dalgún dos pais)

2.- Non cumpre ningún dos criterios argumentados pola administración sanitaria para xustificar os copagamentos: O carácter disuasorio e o recaudatorio dos mesmos, e neste caso non se cumpre en ningún dos dous supostos.

Non ten carácter disuasorio dado que a indicación da prescrición corre a cargo de especialistas clínicos e a súa administración contrólase polos servizos de farmacia hospitalarios, polo que os/as pacientes non teñen ningunha capacidade de decisión nin de opción para acumular este tipo de fármacos.

Tampouco é esperable un efecto recaudatorio dado que os gastos en persoal e equipamento administrativo necesarios para garantir o cobro compensarán os ingresos polo mesmo.

3.- O argumento da Consellaría de Sanidade de garantir a cohesión e a harmonización do sistema sanitario, tampouco se sostén dado que a maior parte das Comunidades Autónomas, incluídas as gobernadas polo Partido Popular (como Castela a Mancha presidida pola Secretaria Xeral deste partido), anunciaron que non a aplicarán ou que asumirán o pago dos devanditos medicamentos con cargo aos seus orzamentos públicos, dadas a súa dureza social e as súas repercusións sanitarias.

4.- Por todo iso esiximos á Xunta de Galicia que recapacite e non aplique esta medida que prexudica gravemente os colectivos afectados pola enfermidade e que en moitos casos non poderán facer fronte aos pagos pola súa vulnerabilidade económica e social.

5.- Facemos un chamamento aos traballadores sanitarios e á sociedade galega para que se mobilice en apoio desta solicitude.

SOS Sanidade Pública

Iniciativa galega pola Gratuidade da Sanidade

Exit mobile version