Site icon Crónica3.com A Mariña

El Rincón del Gordo, Bora Bora, Glass, Guidán Delicatesen e Bodegas Ribeirao, gañan o concurso de escaparates de Nadal de ACISA Ribadeo

Ribadeo, 22 de xaneiro de 2014. El Rincón del Gordo, Bora Bora, Glass, Guidán Delicatesen y Bodegas Ribeirao son os establecementos gañadores do concurso de escaparates de Nadal que organizou un ano máis a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.

Un xurado formado por membros da xunta directiva de ACISA e expertos en decoración de Nadal reuníronse nos últimos días para visitar e valorar a calidade e a orixinalidade dos escaparates que decidiron participar no concurso. O primeiro premio é para El Rincón del Gordo, o segundo para Bora Bora, o terceiro para Glass, o cuarto para Guidán Delicatesen e o quinto para Bodegas Ribeirao. Os premios que recoñecerán o seu traballo seránlles entregados na Gala do Comercio que ACISA prepara para o vindeiro mes de marzo.

A xunta directiva de ACISA ultima tamén estes días os detalles das súas dúas vindeiras campañas: San Valentín e o día do pai. Ademais está á espera de pechar e confirmar outra importante campaña promocional para o mes de marzo. Todos estes asuntos e outros máis centrarán a asamblea xeral de ACISA prevista para febreiro.

Dende ACISA recordan que seguen buscando aos outros dous gañadores da campaña de Nadal na que en total puxo en xogo 7.000 euros en vales de compra. O primeiro premio, dotado con 4.000 euros en vales de compra, foi para unha veciña de Ribadeo, Josefina Díaz Folgueira, que recibiu a papeleta cuxos números coincidiron co primeiro premio da Lotería do Niño, o 76.524, en Droguería-Decoración Pulpeiro, situada na rúa Viejo Pancho, 2.

O segundo premio foi o 69.362, polo que a rifa que conteña ditos números resultará agraciada con 2.000 euros en vales de compra; e o terceiro premio foi o 08.347 que premiará con 1.000 euros en vales de compra para gastar no comercio asociado a aquela papeleta que coincida con este número. A rifa do segundo premio entregouse en Glass e a do terceiro foi repartida por Tourline Express.

Os gañadores deberán presentar as papeletas premiadas nas oficinas de Acisa Ribadeo antes das 20 horas do día 7 de febreiro de 2014. Despois desa data será cando se faga entrega dos premios aos afortunados e afortunadas da campaña de Nadal da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos.

Exit mobile version