Site icon Crónica3.com A Mariña

Emerxencias eleva a nivel vermello o temporal costeiro que afectará este martes ás costas da Coruña e Lugo

Santiago, 28 de xaneiro de 2014.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia alerta que o temporal no mar decretado este luns subirá a partir da mañá deste martes a nivel vermello no litoral da Coruña e Lugo.

Segundo previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a través da Delegación Territorial de Galicia, esperase mar combinada e vento en mar no noroeste e oeste da provincia da Coruña e na costa de Lugo. O vento soprará do oeste e suroeste con forza 8 e as ondas oscilarán entre os 7 e 8 metros, podendo superar estes umbrais nas horas centrais do día.

No resto do litoral galego -suroeste da Coruña e provincia de Pontevedra- o temporal continuará a ser de nivel laranxa, con mar combinada e ondas de entre 6 e 7 metros que irán diminuíndo ao longo da xornada de mañá.

Recomendacións no mar
Desde a Consellería do Medio Rural e do Mar aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Así mesmo, se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar.

Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes entornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como, diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotor, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas. Todos os medios do Servizo de Gardacostas de Galicia estarán en alerta para calquera incidencia que se poida producir a causa deste fenómeno meteorolóxico adverso.

Máis información na web do 112
Pola súa banda, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do 112, informou das distintas alertas a todos os concellos afectados; Deputacións, servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos das tres provincias costeiras galegas, entre outros. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Exit mobile version