Site icon Crónica3.com A Mariña

Entidades e particulares de Lugo compran o 62,5% das accións do Breogán que a Deputación sacou a poxa

210114 Comisión apertura ofertas accións BreogánA Deputación de Lugo recibiu 20 ofertas para a compra do 62,5% das accións do CB Breogán que sacou a poxa. Os compradores son entidades deportivas, sociedades mercantís do mundo do deporte, a comunicación ou o comercio, entre outros sectores, así como particulares, todos eles da provincia de Lugo. Entre os compradores está o propio Breogán, que se acolleu á oferta de autocarteira, segundo o acordo adoptado no Consello de Administración da semana pasada. Disto informou a institución provincial tras a comisión de apertura e valoración das ofertas celebrada esta mañá en San Marcos, que foi presidida polo Deputado Mario Outeiro e integrada por funcionarios do organismo lugués, que non pertencen ó Consello de Administración do club.

O feito de que todos os compradores sexan da provincia ratifica o que xa garantira a Deputación: é imposible a deslocalización do club, que, como tamén avanzara a institución, pasa a ser propiedade de todos os lucenses. O Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, subliñou neste senso que é “moi boa noticia que todos os ofertantes, entidades e particulares, sexan de Lugo, tal e como nós agardábamos. Quedan enterrados deste xeito todos os medos que había na cidade, non hai risco de deslocalización e o Breogán vai seguir sendo dos lucenses”.

No prazo aproximado dunha semana, o 62,5% das accións polas que se presentou oferta quedará adxudicado definitivamente, unha vez se incorpore documentación complementaria.

Tal e como avanzou Veiga, o seguinte paso da institución provincial será levar á Xunta de Goberno un acordo para abrir un procedemento de adxudicación directa das accións restantes. “Seguiremos co proceso sen presa, pero sen pausa, ofrecendo outra vez a posibilidade de que toda a xente de Lugo opte a adquirir accións”, explicou.

Por coherencia
Coa saída do Breogán, a Deputación está a cumprir un compromiso político, pois considera que unha Administración pública non debe ser propietaria de clubs deportivos profesionais, pero iso non significa que lle retire o apoio á entidade. Deste xeito, a institución luguesa mantén o seu compromiso coa entidade breoganista, e seguirá colaborando, tanto con axudas económicas, como facilitando o uso do Pazo dos Deportes. “Estamos actuando coherentemente co que propuxemos dende o principio e sabiamos que iamos ter dificultades, pero a medida que avanzamos temos a tranquilidade absoluta de que chegaremos todos xuntos a bo porto porque todos somos Breogán”, indicou Antonio Veiga.

O Vicepresidente destacou así mesmo “o gran esforzo” que está a facer o corpo técnico e os xogadores do Breogán e describiu un panorama de futuro “esperanzador” para o club. “Iso é o que lle queremos transmitir á afección, desde logo, pero sobre todo ós xogadores, para que xoguen con tranquilidade como viñeron facendo. Isto será beneficioso para conseguir as metas deportivas que nos temos marcadas”, engadiu.

Exit mobile version