Site icon Crónica3.com A Mariña

FRUGA considera “necesaria” a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego

A Federación Rural Galega destaca que, segundo as declaracións no Xulgado de dous directivos de Alimentos Lácteos, a Xunta de Galiza participaba directamente nas decisións tomadas desde a propia empresa, o que a fai responsable da situación actual.

Eugenio Montero e Arcadio López (ámbolos dous, membros do Partido Popular), foron chamados este luns a declarar no Xulgado Mercantil en Lugo despois de que o administrador concursal presentara unha demanda contra eles por, supostamente, ter cobrado ilegalmente, cada un deles, soldos por un importe mensual de 5.800 euros ao mes.

O motivo é porque, segundo a acusación, Montero e López cobraron os seus soldos aínda que a empresa non estaba dando beneficios, o que é incompatible cos estatutos, e xa que logo, ilegal. Outro punto chamativo nete caso é que nen tan sequera existiron contratos laborais entre estas dúas persoas e AALL.

Na vista, o propio Eugenio Montero, ante a pregunta de porqué posteriormente deixaron de recibir os seus salarios por parte de AALL, respostou que iso aconteceu porque se tomara a decisión directamente desde a Xunta, e que polo tanto, seguindo a declaración, debían cesar das súas funcións. É dicir, que desde o propio executivo de Feijoo partiu a orde de que debían deixar de recibir os seus soldos.

Desde a Federación Rural Galega-FRUGA, estas manifestacións confirman que a Xunta de Galiza era quen dirixía o proxecto, o que a fai responsable, xa non só da creación de Alimentos Lácteos baixo criterios partidistas e caciquís, senón tamén da súa mala xestión e posterior quebra.

Desde FRUGA, esiximos primeiramente unha solución para o perto de 1000 produtores/as aos que se lles adebeda o leite de varios meses e que se reactive a actividade na planta.

Do mesmo xeito, vemos imprescindible a creación dunha comisión de investigación no Parlamento Galego que axude a aclarar cal foi realmente o papel da administración galega, así como a necesidade de depurar responsabilidades políticas, e penais se as houbera, ata as súas últimas consecuencias.

Exit mobile version