Site icon Crónica3.com A Mariña

FRUGA denuncia a exclusión das actividades de autoconsumo dos cursos de aplicador/a de produtos fitosanitarios

Galiza, 30 de xaneiro de 2014.- A Xunta de Galiza continua co seu ataque ao mundo rural. Agora tócalle a quen vivindo nel practican unha agricultura de autoconsumo.

Todas as persoas que manteñen unha actividade agraria convencional, distinta da ecolóxica, botan man, para defender os seus cultivos, de produtos fitosanitarios. Para poder aplicar estes produtos é obrigatorio estar en posesión dunha autorización, ou carné, que se consegue mediante a realización de un exame como culminación dun curso de formación e capacitación.

Até o de agora non había limitacións para poder acceder a estes cursos, mas agora a Consellería do Medio Rural e do Mar ven de emitir, o 11 de decembro de 2013, unha Resolución que regula a inclusión dos usuarios profesionais dentro do Rexistro Oficial de Produtores/as e Operadores/as de medios de defensa fitosanitarios (ROPO), ao tempo que determina que para se poder inscribir no ROPO hai que ostentar a condición de profesional agrario. É dicir, que agora para poder acceder aos cursos de formación e capacitación de aplicador/a e manipulador/a de produtos fitosanitarios hai que estar inscritos/as no ROPO e só se poderán inscribir aquelas persoas que ostenten a condición de profesional da agricultura.

Con esta limitación fican excluídas todas as persoas que practican unha agricultura de autoconsumo, así como tamén todas aquelas persoas que, querendo optar a un posto de traballo no sector agrario, non reúnan a condición de profesional da agricultura.

En moitas zonas de Galiza a actividade agraria de autoconsumo ten unha función económica, cultural e medio ambiental, contribuíndo a manter vivo o territorio, evitando a desertización do mesmo. A exclusión destas persoas non fará mais que afondar no proceso de abandono do noso rural. Esta medida vense a sumar a moitas outras levadas a cabo por este goberno do PP; como considerar que Galiza é unha mina, ou a privatización da xestión dos montes veciñais, ou a promoción e implantación de monocultivos forestais de crecemento rápido e os cultivos enerxéticos, ou considerar o rural como lugar de lecer para as elites sociais mediante a implantación de campos de golf ou coutos de caza maior, por exemplo.

Fica claro que con esta visión do rural galego o que sobra é a xente que nel habita e hai que facer que o abandone canto antes, e para iso se lle poñen todas estas trabas.

Exit mobile version