Site icon Crónica3.com A Mariña

Fuente Parga acusa ao BNG de enganar aos veciños dicindo que o equipo de goberno lles da as costas aos autónomos e ás pequenas empresas

Barreiros, 28 de xaneiro de 2014. O alcalde, Alfonso Fuente, subliña que o BNG engana aos veciños de Barreiros dicindo que o equipo de goberno lles da as costas aos autónomos e ás pequenas empresas. O rexedor asegura que os nacionalistas tentaron presentar unha moción por urxencia, que non estaba rexistrada e que non foi aceptada. Fuente Parga tamén aludiu ao bo funcionamento do servizo de axuda no fogar.

O rexedor amosouse sorprendido “de ver noticias coma as que saca o BNG na prensa dicindo que o PP lles da as costas aos autónomos e ás pequenas empresas. Isto é falso e unha vez máis o BNG volve tentar enganar aos veciños de Barreiros. Pero en Barreiros xa levamos ben anos sabendo quen é o BNG”.

Fuente Parga sinalou que “o Bloque Nacionalista Galego tentou presentar unha moción por urxencia que nin tiña rexistrado no Concello e non se considerou coma urxente. Esa moción non se tratou, non houbo votación nin a favor nin en contra. Non foi debatida. Entón o BNG non pode dicir que nós lle esteamos a dar as costas aos autónomos”. O alcalde barreirense dixo que “simplemente o que maticei é que o incremento dos custes da seguridade social ven xurdindo ano tras ano, o único cambio que hai neste 2014 é que conceptos que antes non tributaban agora si están gravados na cotización. E iso o que supón son melloras nas bases de cotización aos traballadores dos autónomos, aos traballadores das empresas e aos tamén aos propios autónomos que lles incrementan as bases de cotización por si o día de mañá teñen que percibir unha pensión ou un subsidio de desemprego”.

Alfonso Fuente insiste en que “esta moción non chegou a tratarse, non chegou a votarse polo tanto o BNG, ao igual que está a facer co plan xeral de ordenación municipal, está tentando enganar aos veciños do noso concello, porque os veciños de Barreiros realmente non se deixan enganar”. Para o rexedor “esta información que enviaron aos medios de comunicación estaba preparada pensando que o PP xa ía votar en contra e mandaron a nota igual dicindo iso, pero esa moción non se tratou no pleno porque non se considerou a súa urxencia”. O alcalde engadiu que “tratáronse outras mocións coma a do San Estevo, que foi aprobada por unanimidade, e outra presentada por urxencia polo PSOE contra o anteproxecto de lei do aborto, que tamén se aprobou pola unanimidade de todos os membros do pleno. Foi un pleno no que houbo acordos e outras asuntos nas que non. É curioso que a ordenanza que levaba o equipo de goberno para o cobro de libros editados polo Concello para poder repercutir cando se vendesen, ou as charlas ou cursos que poidan xurdir. E o BNG se opuxo a esta ordenanza, que é idéntica á que aplica Antonio Veiga na Deputación Provincial de Lugo e que a ten aprobada para poder cobrar e poñer á venda os libros. E tamén se opuxeron á modificación que había facer na ordenanza do servizo de axuda no fogar, que é unha modificación que ven imposta por un real decreto da Xunta de Galicia e só había que facer esa adaptación”.

Alfonso Fuente indicou que “xa informei no pleno que con esta modificación, que eles din que é un incremento máis do PP, iso é falso e realmente cos cambios que houbo só se produciron dúas baixas nos moitos usuarios que empregan o servizo de axuda no fogar en Barreiros. Unha baixa foi porque un usuario quería o servizo á carta e o Concello non presta ese servizo á carta e outro usuario que prescindía do servizo porque se ía vivir cun familiar. Unha vez máis volve o BNG con estas saídas de tono”.

Exit mobile version