Site icon Crónica3.com A Mariña

Industria ofrece asesoramento individual a emprendedores da Mariña para elaborar e poñer en marcha o seu plan de negocio

Cervo, 28 de xaneiro de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou que a Consellería de Economía e Industria prestará asesoramento individual a emprendedores da Mariña no proceso de elaboración e posta en marcha dos seus plans de negocio.

Nesta iniciativa poden participar un máximo de 40 persoas, dúas por cada proxecto empresarial que se inscriba na acción formativa programada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para o mes de febreiro na escola obradoiro de Cervo.

Este seminario dividirase en sesións informativas e titorías personalizadas, nas que se analizará a viabilidade de cada proxecto que se presente. Está destinado tanto a persoas con vocación emprendedora que teñan un proxecto de negocio, como a empresarios ou autónomos con menos de 42 meses de actividade que desexen avaliar, reorientar ou consolidar o plan de negocio da súa empresa.

O programa inclúe información sobre diferentes modelos de negocio, fiscalidade, trámites de constitución e fontes de financiamento, así como formación específica sobre a elaboración dos plans de negocio e o plan económico e financeiro. Nas sesións personalizadas os promotores poderán consultar cos titores cuestións relativas ao seu proxecto e analizar a viabilidade do seu plan de negocio.

Raquel Arias sinalou que estas titoriais “forman parte do novo impulso que está a dar a Xunta ao emprendemento, no marco da posta en marcha da Lei do Emprendemento e da activación da Unidade Galicia Emprende”.

A delegada incidiu en que “a Xunta de Galicia apoia aos emprendedores nos dous aspectos fundamentais para cimentar un proxecto empresarial: o asesoramento e a axuda económica”. Ao respecto, afirmou que “a acción coordinada dos distintos departamentos da Xunta, principalmente os de Traballo e Industria, está a dar un pulo ao emprendemento na Mariña”.

Así, lembrou que nos últimos meses 60 emprendedores da comarca recibiron subvencións da Consellería de Traballo e Benestar para o establecemento como traballador autónomo por importe global de 483.000 euros.

Igualmente, indicou que a Consellería de Economía e Industria arranca o ano poñendo a disposición das Pemes 45 millóns de euros en programas de axudas, destinados a apoiar os grandes investimentos empresariais, a creación de emprego e a posta en marcha de novas empresas, así como a consolidar e mellorar a competitividade das xa existentes e impulsar a súa internacionalización.

Con respecto ao asesoramento para poñer en marcha un negocio, Arias destacou o labor que realizan os axentes de emprego e desenvolvemento local, financiados pola Consellería de Traballo e Benestar e que prestan servizo nos concellos, fomentando novas actividades xeradores de emprego de ámbito local.

Así mesmo, asegurou que a consellería de Industria, tanto a través do Igape como da Axencia Galega de Innovación, “realiza un esforzo para chegar a todas as comarcas e facilitarlles aos empresarios interesados coñecementos concretos e útiles, aplicados ao seu proxecto particular”.

Neste sentido, lembrou que a semana pasada deu comezo outro programa do Igape polo que 24 titulados universitarios traballarán durante un ano en Pemes galegas, colaborando na implantación de proxectos de mellora que axuden a expandir e incrementar a competitividade do proxecto empresarial.

Os interesados en participar no seminario para emprendedores de Cervo poden atopar información e inscribirse a través da páxina web do Igape, nas oficinas deste organismo, ou ben a través dos axentes de emprego e desenvolvemento local.

Exit mobile version