Site icon Crónica3.com A Mariña

López Penabad denuncia o mal estado no que se atopan rúas moi transitadas da vila ribadense

300114 FOTO PP RIBADEO (RÚAS SOR PILAR DE LEÓN)Ribadeo, 30 de xaneiro de 2014. O presidente do Partido Popular de Ribadeo, Jesús López Penabad, denunciou o mal estado no que se atopan rúas moi transitadas da vila.

“Un exemplo desta lamentable situación é a rúa Sor Pilar de León, ubicada por detrás do colexio concertado das monxas”- denunciou López Penabad, quen engadíu que o seu estado é lamentable e a gravidade é maior posto que estamos a falar dun vial que é moi transitado porque, ao haber un colexio, tanto polas mañás, mediodía e tardes, están pasando coches continuamente por alí.

Afirmou o popular que as fochancas son realmente insalvables, especialmente dúas ou tres que se atopan no cruce entre as rúas Sor Pilar de León e Rafael Cardoso.

“Se pasa por alí un pato despistado encontra unha piscina preciosa, pero non creo que parara moito tempo porque o tránsito de vehículos é bastante grande nesa zona”, comentou Jesús López Penabad.

O presidente do PP en Ribadeo engadiu que, ante esta situación lamentable na que se atopa esta zona da vila, “o goberno municipal debe actuar, para o que non fai falla investir moito diñeiro, pois chega con tapar as fochancas, que cada vez son maiores”.

López Penabad rematou reclamando “un arranxo urxente desas rúas que son moi transitadas e atópanse nun estado pésimo”.

Exit mobile version