Site icon Crónica3.com A Mariña

Mar concede preto de 2,4 millóns de euros a 40 proxectos dos grupos de acción costeira

Santiago, 29 xaneiro de 2014.- A Consellería do Medio Rural e do Mar concede preto de 2,4 millóns de euros a 40 proxectos dos Grupos de Acción Costeira enmarcados na segunda convocatoria de 2013. O Diario Oficial de Galicia publica este mércores os destinatarios destas axudas e a contía correspondente a cada proxecto.

Da contía total, aos proxectos produtivos, é dicir, aos de orientación profesional ou empresarial destínanse 1,4 millóns de euros, dos que 199.500 euros son para o GAC da Mariña-Ortegal (GAC 1); 121.600 euros para o GAC do Golfo Ártabro (GAC 2) e preto de 664.000 para o GAC da Costa da Morte (GAC 3). Aos proxectos produtivos do GAC do seo de Fisterra-ría de Muros e Noia (GAC 4) correspóndenlle 201.200 euros de axuda e aos do GAC da Ría de Arousa (GAC 5) preto de 223.000 euros.

Por outra banda, concédense aos proxectos non produtivos – aqueles que teñen como elemento determinante a súa rendibilidade social- 985.300 euros. Desa contía 59.000 son para o GAC 1; preto de 163.300 euros para GAC 2 e 293.700 para o GAC 3. Para este tipo de proxectos do GAC 5, as axudas concedidas acadan os 181.500 euros; as do GAC da Ría de Pontevedra (GAC 6) 105.000 euros e as do GAC da Ría de Vigo-A Guarda (GAC 7) superan os 182.600 euros.

A través destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, búscase, entre outros aspectos, financiar proxectos de desenvolvemento que teñan como obxectivo consolidar a competitividade das zonas de pesca e reestruturar e reorientar as actividades económicas, en particular a través da promoción do turismo ecolóxico. Tamén diversificar actividades a través da promoción do labor dos pescadores, mediante a creación de empregos adicionais fóra do sector pesqueiro; ofrecer valor engadido aos produtos da pesca, protexer o ambiente nas zonas de pesca, restablecer a produción do sector pesqueiro afectado por catástrofes naturais ou industriais e promover a cooperación interrexional e transnacional entre grupos nas zonas de pesca, principalmente a través do establecemento de redes e a difusión de boas prácticas.

Cabe lembrar que os plans estratéxicos zonais dos Grupos de Acción Costeira poden estenderse ata o ano 2015, segundo establece a orde de 9 de decembro de 2013 que modifica á orde pola que se convoca o concurso de selección de Grupos de Acción Costeira. En base a isto, acaban de prorrogarse os plans estratéxicos zonais dos GAC ata o 30 de xuño de 2015. Ademais, en xullo de 2013 asinouse unha addenda aos convenios tipo de colaboración cos Grupo de Acción Costeira para a aplicación do Plan Estratéxico Zonal (PEZ) no marco do Eixo 4 do Fondo Europeo da Pesca 2007-2013, co fin de poder continuar contribuindo ao desenvolvemento das zonas da pesca durante os anos 2014 e 2015.

Exit mobile version