Site icon Crónica3.com A Mariña

Mario Outeiro demanda da Xunta “maior protección para o patrimonio cultural lucense”

Mario Outeiro na rolda de prensa de Xunta de Goberno 1024Lugo, 3 de xaneiro de 2014. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, na rolda de prensa tras a Xunta de Goberno da institución, demandou da Xunta de Galiza unha maior protección para o patrimonio cultural lucense. Nesta liña Mario Outeiro criticou que “tras o incendio do santuario da Virxe da Barca, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, afirmaba que vai ser recuperado “custe o que custe” e se licitará de inmediato a súa rehabilitación e reconstrución. É comprensíbel que unha administración amose a súa sensibilidade ante un suceso así pero Feijóo amosou un nivel de dilixencia e compromiso que renxe moito xa que esta premura e decisión non a amosa en moitas outras ocasións nas que se lle solicita á Xunta a súa actuación para tratar de salvar bens patrimoniais e culturais. Non obstante, no que nos atinxe aos lucenses, en casos como a propia muralla, o antigo cuartel de San Fernando, os restos de Coeses ou a igrexa de Vilasouto a Xunta chega tarde ou non chega.

O delegado de Cultura e Turismo criticou que a Xunta “tardase máis dun ano en retirar as herbas e maleza da muralla, estando descoidada en plena época estival de máxima afluencia turística, e todos coñecemos cal é a situación do antigo cuartel de San Fernando, que presenta un estado total de abandono e a Xunta desenténdese por completo deste edificio singular. Do mesmo xeito que non actuou e permitiu a destrución de importantes restos arqueolóxicos en Coeses polo paso da autovía A-54 e tampouco está a apoiar como cumpriría na recuperación da igrexa de Vilasouto, no Incio, no que vai ter que ser a Deputación de Lugo quen aporte conxuntamente co Bispado a cantidade económica necesaria para salvar esta mostra do románico”.

Mario Outeiro tamén lembrou que o BNG requiriu no Parlamento Galego explicacións á Xunta de Galiza sobre a situación da declaración de BIC da colección de Álvaro Gil, sobre a que a familia do doador executou a retirada do Museo de Lugo e estas pezas atópanse nun paradoiro descoñecido. Por isoa Xunta de Galiza debe explicar se ten previsto esgotar o máximo de 20 meses a partir da incoación do expediente que establece a lei para a declaración BIC e si se ten aplicado o réxime de protección previsto na Lei para os bens declarados e concretamente tense notificado á familia de D. Álvaro Gil Varela e ao concello correspondente onde radica o ben aos efectos da incoación do expediente BIC para a colección de ourivería. É preciso tamén coñecer se stá a colección de ourivería de Gil Varela inscrita no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galiza dende a incoación do expediente de declaración e tamén, para o BNG, resulta importante coñecer se a Xunta fará o posíbel para que a colección quede en Galiza.

Redución do número de deputados no Parlamento Galego
Ao mesmo tempo, Mario Outeiro criticou a medida que pretende aprobar o PP en solitario no Parlamento Galego precisamente para reducir o número de deputados nesta institución, pasando dos 75 actuais a 61. Para Mario Outeiro, “baixo a escusa do aforro económico está a pretensión de seguir mantendo a maioría absoluta por calquera medio, adoptando unha medida que reduce a representatividade. Se o propósito fose puramente económico conseguiríase unha redución dos custes do Parlamento baixando as retribucións aos deputados, asesores, etc., ou explorando outras vías como a eliminación das Deputacións, organismos de representación non directa”.

Exit mobile version