Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural achega 800.000 euros para a prevención de incendios nos montes veciñais da provincia

Lugo, 25 de xaneiro de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, financiou proxectos e actuacións por valor de máis de 800.000 euros (809.742,36 euros) orientados á prevención de incendios en montes veciñais e de man común da provincia de Lugo.

Así o destacou este sábado a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, que indicou que “destas achegas realizadas polo departamento autonómico beneficiáronse nos últimos meses arredor dun cento de comunidades de montes veciñais e mancomunidades lucenses”.

Arias significou que as axudas realizadas foron distribuídas “en base a dúas liñas de colaboración con estas entidades de xestión forestal: apoiando o control selectivo do combustible en áreas de cortalumes, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural e a roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais e, por outra banda, para a dotación e instalación de puntos de auga en zonas estratéxicas para defensa ante incendios de núcleos de poboación e masas forestais”.

A representante do Executivo galego incidiu en que estas achegas amosan “o esforzo e o compromiso constante” por parte de todo o Executivo galego, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, “na prevención e na mellora das condicións dos montes galegos, como primeira medida para actuar contra os incendios”.

Nova convocatoria
Neste sentido, o Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar no día de onte a convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2014 nesta materia de prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais de man común, cun orzamento total de 3 millóns de euros.

Estas axudas están cofinanciadas con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013.

Exit mobile version